O Arenteiro remata con vitoria a mellor primeira volta da súa historia
O Arenteiro remata con vitoria a mellor primeira volta da súa historia
Derrotou o Polvorín (1-0) cun penalti transformado por Pibe
O Arenteiro gañou ante o Polvorín e remata a primeira volta (a falta dos vinte minutos do partido de Guijuelo) como líder da categoría con 35 puntos e con só sete goles encaixados en 17 partidos.
Nun campo moi complicado, o equipo do Carballiño e o Polvorín empregáronse ao máximo. No primeiro tempo mereceron os locais ir con algún gol polo número de achegamentos. O inicio da segunda parte tamén foi moi ambicioso por parte dos de Javi Rey, pero o Polvorín aguantou o golpe inicial.
Cando parecía ter o partido máis controlado, chegou a xogada do penalti de Luis Castro sobre Pibe, moi protestado polos xogadores visitantes. O propio Pibe marcou e deulle o triunfo ao seu equipo, o sexto da temporada con este resultado. Aínda houbo tempo para que Romay fallase unha ocasión inmellorable sen porteiro.