Publicador de contidos
Publicador de contidos

O ataque israelí nunha zona humanitaria en Gaza deixa máis de 90 vítimas mortais

O ataque israelí nunha zona humanitaria en Gaza deixa máis de 90 vítimas mortais

As tropas hebreas bombardearon Al Mawasi, ao oeste de Khan Junis, onde reside poboación palestina desprazada de xeito forzoso

O Exército hebreo asegura que o obxectivo era o número dous de Hamas na Franxa e o grupo islamista considera falsa a súa versión

Netanyahu di que non se moverá un chisco da proposta de acordo anunciada por Joe Biden

O lugar bombardeado por Israel en Mawasi. REUTERS/Mohammed Salem
G24.gal 13/07/2024 10:47 Última actualización 13/07/2024 21:23

Polo menos 90 persoas morreron e máis de 300 resultaron feridas tras un bombardeo israelí contra o campo de Al Mawasi, situado ao oeste de Khan Junis, no sur da Franxa de Gaza.

Segundo fontes locais, tres mísiles impactaron no corazón desta área, declarada "zona humanitaria" polos militares xudeus, na que reside poboación palestina desprazada de xeito forzoso ao comezo da operación israelí en Rafah.

As autoridades israelís aseguran que buscaban a Mohamed Deif, comandante das Brigadas de Al Qasam, o brazo armado de Hamas.

Número dous do grupo islamita na Franxa de Gaza, detrás de Yahya Sinwar, está considerado un dos principais responsables do ataque do 7 de outubro. Leva na lista dos máis buscados de Israel desde a década dos noventa.

Israel di que se rexistrou nunha zona valada onde adoitan congregarse moitos milicianos, entre eles Rafaa Salameh, comandante da brigada de Khan Junis, e non nas tendas de campaña.

Hamas considera que a versión do exército hebreo é falsa e que o obxectivo dos bombardeos non eran membros do seu grupo. 

"Esta non é a primeira vez que a ocupación asegura atacar a líderes palestinos e resulta despois que mentiu, e estas falsas alegacións úsanse para tratar de encubrir a escala do horrible masacre", dixo nun comunicado.

Edificios destruídos en Jan Yunis. REUTERS/Hatem Khaled Edificios destruídos en Jan Yunis. REUTERS/Hatem Khaled

Conferencia de prensa inusual

O primeiro ministro israelí Benjamin Netanyahu ofreceu unha inusual conferencia de prensa en Tel Aviv esta noite, a primeira desde marzo. Segundo dixo, "aínda non hai certeza" sobre a morte de Mohamed Deif.

"Aínda non temos absoluta certeza sobre a morte de Deif e a súa man dereita, Rafaa Salameh", afirmou en conferencia de prensa.

Mentres en Xerusalén, onde se atopa a residencia oficial do mandatario, milleiros de persoas protestaban para esixir un acordo de cesamento do fogo co grupo islamista que permita liberar os reféns israelís no enclave.

Netanyahu asegurou que non está a postergar o acordo e acusou a Hamas de tentar introducir novas esixencias. Dixo que non se moverá un chisco da proposta anunciada por Biden e que a guerra na Franxa non vai rematar ata que se cumpran todos os obxectivos. 

Nun comunicado, o líder opositor Benny Gantz, que ata hai pouco era membro con dereito a voto do xa disolto Gabinete de Guerra israelí, dixo que a responsabilidade de calquera vítima colateral durante o ataque deste sábado é unicamente dos islamitas.

Un grupo de mozos traslada unha das vítimas do ataque. REUTERS/Hatem Khaled Un grupo de mozos traslada unha das vítimas do ataque. REUTERS/Hatem Khaled

Ataque contra o traballador dunha ONG

As tropas hebreas tamén confirmaron o ataque nesta zona contra Hosam Mansur, un traballador da ONG Al Khair, con sede no Reino Unido. Segundo un comunicado castrense, "transfire fondos a organizacións terroristas, baixo a aparencia de actividades humanitarias".

Mentres, o Exército segue operando no sur de Gaza, onde este venres destruíu un almacén de parapentes de Hamas. Dende aquí, supostamente engalaron algúns dos combatentes que se infiltraron en Israel durante os ataques do 7 de outubro.

"En redadas controladas durante o último día as tropas desmantelaron varias bocas de túneles terroristas e eliminaron a múltiples terroristas de Hamas", asegura nun comunicado este sábado.

Desde que comezou a guerra no enclave, polo menos 38.300 persoas morreron e miles continúan soterradas baixo os entullos, a maioría mulleres e menores, segundo as autoridades sanitarias gazatís.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade