Ir directamente de Ourense a Alacant en AVE custará entre 42 e 95 euros
O tren directo de alta velocidade empezará a operar o 13 de setembro e os billetes xa están á venda
Os abonos de balde para trens de proximidade e media distancia pódense obter a partir de mañá
Cruzar España en diagonal, de Ourense a Alacant, vai levar como mínimo hora e media menos que agora. Desde o 13 de setembro un AVE sen paradas fará nunha tarde os máis de 900 quilómetros que hai entre as dúas cidades. O tren vai saír de Ourense ás catro e vinte e cinco e chegará a Alacante ás nove e vinte e un.
"Xa non hai que facer o transbordo que había que facer en Madrid, está moi ben"; "Viaxei hai uns meses coa miña avoa e tiñamos que facer transbordo, e non tiñamos nin idea de como facelo"; "Para Ourense é unha vantaxe enorme, e facilítanos a todos poder comunicarnos con todos".
Os billetes xa están á venda e os prezos varían segundo os días. O venres é o máis caro, a partir de 95 euros, mentres que un luns ou un martes pode custar entre 50 ou 60 euros. A volta é máis barata, uns 32 euros un martes e ao redor de 60 un sábado. Moitos consideran que é un beneficio para a cidade.
E os usuarios de proximidades, rodalís e media distancia convencional poderán facerse co novo abono de balde para viaxar neses trens a partir de mañá. Polo momento, segundo informa o Goberno, xa se rexistraron máis de 300.000 persoas para poder adquirilos, amais dos habituais usuarios destes servizos.