O Banco Santander gañou 5.241 millóns ata xuño, un 7,1 % máis, impulsado por Europa
O Banco Santander gañou 5.241 millóns ata xuño, un 7,1 % máis, impulsado por Europa
As dotacións para cubrir posibles insolvencias aumentaron un 21 % e alcanzaron os 5.771 millóns de euros
O Banco Santander obtivo un beneficio neto atribuído de 5.241 millóns de euros no primeiro semestre do exercicio, un 7,1% máis que os 4.894 millóns que gañou un ano antes, grazas aos maiores ingresos obtidos en Europa, que compensaron os retrocesos noutras áreas como América do Norte e Suramérica.
Só no segundo trimestre do exercicio, o beneficio atribuído do Grupo aumentou un 17 % en comparación interanual, ata os 2.670 millóns de euros, á vez que a cifra total de clientes aumentou en nove millóns nos últimos doce meses, ata os 164 millóns, informou hoxe a entidade á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV).
Os ingresos globais do semestre incrementaron un 13 % e sumaron 28.234 millóns de euros, sobre todo polo aumento da actividade dos clientes e as subidas das taxas de xuros, que fixeron posible un aumento do 15 % da marxe de intereses, con crecemento en todas as rexións e especialmente forte en Europa (+32 %).
Os ingresos por comisións aumentaron un 5 %, impulsados polas vendas de produtos de valor engadido, especialmente nos negocios globais do banco (CIB, Wealth Management & Insurance, PagoNxt e o negocio de auto), que en conxunto representan o 42 % dos ingresos por comisións.
Desta forma, a marxe bruta situouse en 28.234 millóns, un 13% máis, cuns custos de explotación que creceron un 1 % e chegaron aos 12.479 millóns e unha marxe neta de 15.755 millóns, un 15 % máis elevado. Pola súa banda, as dotacións para cubrir posibles insolvencias aumentaron un 21 % e alcanzaron os 5.771 millóns de euros.
Estes resultados permitiron á entidade mellorar a súa rendibilidade sobre o capital tanxible (ROTE) ata o 14,5 %, 80 puntos básicos máis que un ano antes, e obter un beneficio por acción (BPA) de 31 céntimos de euro, un 13 % máis.
A diversificación xeográfica e de negocios do Grupo Santander continuou favorecendo ás contas globais.
En Europa, o beneficio foi de 2.536 millóns de euros, un 40 % máis, grazas ao forte crecemento de España, Reino Unido, Portugal e Polonia. Só en España, o banco mellorou o seu resultado un 74 % e gañou 1.132 millóns.
O banco acelerou a transformación do seu negocio nesta rexión con novos produtos e servizos compartidos, entre os que se inclúe unha app de banca móbil común en varios mercados.
O volume de préstamos mantívose estable no período, cun crecemento do financiamento ao consumo do 8 % e cunha carteira de préstamos que continúa moi diversificada en todas as xeografías e liñas de negocio (hipotecas, consumo, empresas, auto e Corporate & Investment Banking ou CIB).
A morosidade do crédito subiu lixeiramente, ata o 3,07 % desde o 3,05 % anterior, cunha porcentaxe da carteira cuberto fronte a posibles insolvencias do 68 % fronte ao 71 %.