O Barça, entre os 20 clubs investigados pola UEFA por incumprir o 'fair play' financeiro
O Barça, entre os 20 clubs investigados pola UEFA por incumprir o 'fair play' financeiro
Amais das contas do Barcelona examínanse as do PSG, Olympique de Marsella, Inter de Milan, Arsenal e Juventus
Dez dos clubs poderían ser sancionados de xeito económico, segundo adianta o xornal The Times
O Fútbol Club Barcelona está entre os 20 equipos que a UEFA investiga por posible incumprimento do fair play financeiro na temporada 2020-21. Segundo adiantou o xornal inglés The Times, na listaxe figuran ademais, e entre outros, o PSG, o Olympique de Marsella, o Inter de Milan, a Juventus e o Arsenal.
Dez deles, incluído o Barcelona, estarían expostos a un castigo económico. L´Equipe informaba, xa a semana pasada, de que o organismo reitor do fútbol europeo ía poñer en marcha un procedemento destas características contra o PSG e mailo Olympique de Marsella por gastar en fichaxes máis do que estipula a normativa.
As sancións poderían ser máis graves e incluír a expulsión de competicións europeas
Ben é certo que a penalización podería ser máis dura se se estende ao ámbito deportivo e se lles impide, por exemplo, inscribir xogadores ou participar en competicións europeas. PSG e Manchester City eludiron a expulsión en temporadas recentes.
O PSG porque o Tribunal de Arbitraxe Deportiva ditaminou que a UEFA reabrira o expediente contra o club parisiense por incumprir o control económico fóra de prazo. O City evitou o castigo, tamén ante o TAS, pero a cambio de dez millóns de euros.
O Barcelona garda silencio ante a información desvelada polo Times. Di que non ten ningunha comunicación oficial a este respecto nin constancia da apertura de ningún expediente. A relación do club catalán coa UEFA atravesa momentos delicados a conta da Superliga, proxecto que seguen defendendo canda a Juventus e o Real Madrid.