O Básquet Coruña renova a Ingus Jakovics
O Básquet Coruña renova a Ingus Jakovics
O base letón anotou máis de 12 puntos de media a pasada tempada
O Leyma segue a apostar pola continuidade no seu cadro de xogadores
Ingus Jakovics volverá vestir as raias brancas e laranxas. O base letón dirixirá a ofensiva do Básquet Coruña un ano máis e suma xa tres tempadas na cidade herculina.
O conxunto coruñés continúa anunciando renovacións e confía nos xogadores cos que acadou o ascenso á Liga ACB. Jakovics foi un dos seus efectivos máis importantes o ano pasado. O xogador báltico é unha ameaza desde a liña de tres puntos, cunha eficacia do 34% por cada tripla lanzada. Jakovics contribuíu á ofensiva do Leyma con máis de 12 puntos e 5 asistencias de media en pouco máis de 20 minutos en pista.
Na Coruña seguen a preparar o seu debut na elite do baloncesto español, que se producirá no Coliseum ante o Real Madrid.