Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Baxi gaña o derbi da Malata (83-63) e achégase á Copa da Raíña

O Baxi gaña o derbi da Malata (83-63) e achégase á Copa da Raíña

Malia aos 20 puntos de diferenza, o Celta Zorka Recalvi vendeu cara a súa pel

Foto: @FredoCorleone_
G24.gal 30/12/2023 21:56

Ledicia na Malata ao remate do derbi. Gañou o Baxi Ferrol e a presenza na Copa está moi preto. Deberá aseguralo matematicamente pero o equipo de Lino López ten pé e medio nese obxectivo. Levou o partido diante dun Celta Zorka Recalvi que opuxo resistencia durante dous cuartos e medio. 

Marcou a diferenza entre un e outro equipo o acerto no tiro exterior. O Baxi logrou 12 triplas co liderado dunha certeira Gala Mestres, autora de 25 puntos, pero ben apoiada por Aijanen, Selland e Howard. Regina Aguilar, cunha tripla cun adicional, tentou conter a fuxida ferrolá, pero xa tiña pouco remedio.

A xogadora máis valiosa da última xornada, Marjunatu Musa, foi ben freada pola defensa ferrolá. Quedou en 11 puntos, moitos deles ao final. A golpe de triplas, a diferenza foise ata a vintena. Houbo tempo para ver as novas promesas en ámbolos dous equipos, Naiara Martínez, Cleo Vecina ou Uxía Rodríguez no Celta, ou Carmela Permuy nas locais con só 14 anos.  

O Celta queda con 4 vitorias. O Baxi suma a sétima. Na última xornada bastaralle con lograr o mesmo resultado que o Ensino para selar o pasaporte copeiro. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade