O BCE comeza a retirar estímulos económicos contra a pandemia na eurozona
O BCE comeza a retirar estímulos económicos contra a pandemia na eurozona
Deixará de comprar débeda de emerxencia no primeiro trimestre de 2022
O Banco Central Europeo comeza a retirar os estímulos á economía da eurozona postos en marcha para paliar os efectos da pandemia. Este xoves decidiu reducir no primeiro trimestre de 2022 o ritmo de compras semanais de débeda de emerxencia fronte á pandemia respecto ao cuarto trimestre de 2021.
Así mesmo, o BCE deixará de comprar débeda con este programa de estímulos monetarios a finais de marzo de 2022.
Tras a reunión do Consello de Goberno, o BCE informou nun comunicado de que "o progreso na recuperación económica cara ao seu obxectivo de inflación a medio prazo permite unha redución paso a paso do ritmo das súas compras de activos os próximos trimestres".
O que decidiu non tocar son os tipos de xuro, que se van manter como ata o de agora, no cero por cento, pese a que os prezos xa están disparados na eurozona no 4,9 por cento.
Ademais, s entidade tamén decidiu este xoves comprar débeda no segundo e terceiro trimestre de 2022 con outro programa de estímulos monetarios (coñécese como APP), que tiña antes da pandemia, porque considera que aínda é necesaria a expansión monetaria.
Tras a reunión do Consello de Goberno, o BCE informou de que adquirirá bonos por valor de 40.000 millóns de euros no segundo trimestre e por valor de 30.000 millóns de euros no terceiro trimestre co programa de compras de activos (APP).
Estas compras de bonos finalizarán pouco antes de que comecen a subir os tipos de xuro oficiais.
"Aínda é necesaria a expansión monetaria para que a inflación se estabilice no obxectivo do 2 % a medio prazo", di o BCE no comunicado.
"En vista da incerteza actual, o consello de goberno necesita manter flexibilidade e opcións ao conducir a política monetaria", engade.
Na actualidade, o BCE compra débeda por valor de ao redor de 70.000 millóns de euros ao mes debido á pandemia, e por valor de máis 20.000 millóns de euros ao mes co outro programa de expansión cuantitativa.