O BNG aproba o 27 de abril as candidaturas para as europeas do 9 de xuño
O BNG aproba o 27 de abril as candidaturas para as europeas do 9 de xuño
Concorrerá baixo a coalición instrumental Agora Repúblicas, xunto con ERC e EH-Bildu, formacións ás que se suma Ara Més
O Consello Nacional do BNG ten previsto aprobar o día 27 de abril o programa electoral e a candidatura para as eleccións europeas que se celebrarán o 9 de xuño.
O obxectivo, sinala a formación nunha nota de prensa, é que Galicia "volva ter voz propia no Parlamento Europeo", pero "con máis forza", ofrecendo á cidadanía unha candidatura coa que agarda superar "amplamente" o resultado de hai cinco anos.
Ao ser uns comicios de circunscrición única en todo o Estado, o BNG repetirá fórmula electoral e concorrerá baixo a coalición instrumental Agora Repúblicas, xunto con ERC e EH Bildu, ás que se suma Ara Més.
Nesta ocasión, o BNG ocupa o terceiro lugar dentro da coalición fronte ao quinto dos pasados comicios, que ocupou Ana Miranda. A formación considera que se trata dun cambio "significativo", logo do "histórico resultado" das autonómicas do 18 de febreiro.
A formación presentará unha candidatura propia e desenvolverá unha campaña "netamente galega" para trasladar o traballo realizado na Eurocámara "en defensa de Galicia" nos últimos cinco anos.