Publicador de contidos
Publicador de contidos

Comesaña defende a competencia das empresas contratadas na pandemia, sinaladas pola oposición por vínculos con Feijóo

Comesaña defende a competencia das empresas contratadas na pandemia, sinaladas pola oposición por vínculos con Feijóo

Os primeiros en intervir son os exconselleiros de Sanidade Julio García Comesaña e Rocío Mosquera, o presidente da Sociedade Pública de Investimentos de Galicia e o xefe do persoal subalterno do Hospital Álvaro Cunqueiro

Ata o 30 de decembro comparecerán na comisión 39 persoas incluídas no plan de traballo aprobado en solitario polo PP; entre elas o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o exministro de Sanidade Salvador Illa 

directo Comisión de investigación de contratos da Xunta, 8 de novembro de 2024. Europa Press.
G24.gal 22/11/2024 09:03 Última actualización 22/11/2024 14:58

O exconselleiro de Sanidade no período 2020-2024, Julio García Comesaña, defendeu a competencia das empresas contratadas de urxencia na pandemia, sinaladas pola oposición na  comisión parlamentaria de investigación sobre os contratos da Xunta en pandemia e a construción do Hospital Álvaro Cunqueiro que arrincou este venres no Parlamento de Galicia, polos seus vínculos familiares co expresidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.

En concreto, no caso de Universal Support, concesionaria do servizo de rastrexadores e cuxo directivo é Ignacio Cárdenas, cuñado do exmandatario, salientou a súa experiencia previa no Samur de Madrid e a rapidez coa que dispuxo do seu persoal para atender o cometido.

A deputada do PSdeG, Patricia Iglesias, subliñou a carencia de experiencia previa co Sergas desta empresa e a súa condición de "centro de chamadas" para poñer en dúbida a súa competencia para exercer o servizo de rastrexo durante a pandemia. 

O BNG, a través do deputado Luís Bará, remarcou os "vetos" exercidos polo PPdeG para excluír comparecentes e documentación da comisión de investigación e reclamou a posta en disposición dos expedientes destas contratacións.

Polo PPdeG, o deputado Roberto Rodríguez definiu como "exemplar" a contratación do Goberno galego durante a pandemia e apuntou que o Consello de Contas non formulase "ningún reparo de legalidade" no seu informe. "Non hai caso", concluíu.

A sesión continuará en horario vespertino coa comparecencia de Alejandro Vila, xefe do persoal subalterno do Hospital Álvaro Cunqueiro.

O calendario da comisión

O calendario da comisión, que se estende ata o 30 de decembro, inclúe a citación de 39 persoas. A metade dos comparecentes está previsto que interveñan nas primeiras cinco xornadas. Entre eles, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, o exministro de Sanidade, Salvador Illa, e a exconselleira de Sanidade durante o Goberno bipartito, María José Caride.

A oposición acusa o Partido Popular de "boicotear" a comisión de investigación, ao vetar as comparecencias e informes solicitados polo BNG e PSdeG e impoñer o seu plan de traballo. Nacionalistas e socialistas ameazan con levar o asunto ante os tribunais. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade