Publicador de contidos
Publicador de contidos

O BNG de Cangas expulsará do Goberno a tenenta de alcaldesa

O BNG de Cangas expulsará do Goberno a tenenta de alcaldesa

A socialista Iria Malvido pediu a baixa tras a súa alcoholemia positiva

Iria Malvido, tenenta de alcaldesa de Cangas Iria Malvido, tenenta de alcaldesa de Cangas
G24.gal 28/08/2024 21:12

O BNG de Cangas expulsará do Goberno municipal, que lidera a nacionalista Araceli Gestido, a primeira tenenta de alcaldesa, a socialista Iria Malvido, despois de transcender que irá a xuízo por un delito contra a seguridade viaria tras dar positivo nun test de alcoholemia na madrugada do martes.

Este mércores o Bloque convocou un encontro urxente do pacto de goberno, que comparten BNG, PSOE e Esquerda Unida, para que sexan os propios socialistas os que "clarifiquen a situación" de Malvido, tendo en conta que ela mesma pediu este xoves a baixa voluntaria do partido á espera de que a Comisión Federal de Ética e Garantías, en Madrid, decida sobre a súa situación.

O BNG lembra que o Goberno de Cangas está conformado por tres organizacións políticas "e non entre persoas individuais".

Polo tanto, despois de que a tenenta de alcaldesa deixara as filas do PSdeG-PSOE, convocou esta reunión para pedir a este partido que comunique "quen vai ser a persoa que vai asumir" as delegacións de Iria Malvido.

"Desde o BNG entendemos que é responsabilidade do PSdeG-PSOE clarificar a actual situación coa actual tenenta de alcaldesa, xa que ao non formar parte deste último non debe seguir formando parte do Goberno de coalición do Concello de Cangas. De non resolverse esta situación, o Consello Local do BNG, a través das súas competencias no Goberno municipal, procederá á retirada das delegacións cedidas á actual tenencia de alcaldía en base a un comportamento impropio dun cargo público", conclúe o comunicado dos nacionalistas.

No devandito escrito, os nacionalistas lamentan os "feitos graves contra a seguridade pública e viaria" cometidos por Malvido na madrugada do martes, á vez que reafirman o seu "compromiso coa seguridade".

A continuación, o BNG sinala que os representantes públicos deben "ser e dar" exemplo, polo que "calquera cargo público debe ser consecuente con estes principios e asumir as responsabilidades legais e políticas que implican determinadas accións".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade