O BNG rexistra a solicitude de comisión de investigación de supostos contratos irregulares da Xunta
O BNG rexistra a solicitude de comisión de investigación de supostos contratos irregulares da Xunta
Os nacionalistas din que vetar a comparecencia de Feijóo ou Rueda sería mostra de “culpabilidade”
O PSdeG avanza que pedirá a comparecencia de familiares de Núñez Feijóo
O PPdeG avaliará propostas de comparecentes, pero ve “prematuro” confirmar nomes
O BNG rexistrou este venres a solicitude de comisión de investigación sobre supostas contratacións irregulares da Xunta e avanzou que nela serán imprescindibles as comparecencias do expresidente da Xunta e líder do PP Alberto Núñez Feijóo e a do actual presidente Alfonso Rueda e que vetalos sería unha “declaración de culpabilidade”.
A voceira nacional do BNG Ana Pontón, flanqueada polos membros do seu grupo parlamentario, rexistrou formalmente a solicitude de creación desta comisión e presumiu da “forza” do Bloque na Cámara galega, que van utilizar “para que haxa luz onde o PP só quere escuridade”.
O BNG gasta a posibilidade de crear unha comisión de investigación
O BNG recorreu para solicitar a creación desta comisión de investigación á oportunidade que lle outorga o regulamento da Cámara, que permite que, unha única vez por lexislatura, se poida abrir se o solicita un terzo dos deputados que pertenzan a un mesmo grupo —os nacionalistas teñen exactamente 25 deputados de 75— ou as dúas quintas partes dos parlamentarios.
O BNG, explicou, optou por utilizar esta fórmula para investigar as contratacións despois de que o PPdeG se negase a facelo cun “vergoñoso veto” ás peticións realizadas pola oposición.
Fiscalizar contratos do Cunqueiro e de empresas e persoas próximas ao PP
En concreto, os nacionalistas buscan aclarar a información que recolle o informe de fiscalización do Consello de Contas do contrato de colaboración público-privada do hospital Álvaro Cunqueiro.
Ese informe ditaminou que sería máis eficiente licitar a obra e os servizos do centro por separado, e non conxuntamente como fixo a Xunta, xa que supoñería un aforro de máis de 470 millóns de euros (IVE incluído).
Pontón tamén sinalou como obxectivo da investigación as contratacións que, dixo, o Partido Popular está dando a empresas amigas e a familiares vinculados a altos cargos, "incluída a empresa que dirixe a irmá do señor Feijóo no noso país".
Ademais, queren que se entreguen a totalidade de contratos de emerxencia asinados durante a crise sanitaria, que ascenden a 4.000 millóns de euros e, segundo a nacionalista, tamén acabaron “beneficiando a empresas vinculadas con altos cargos do PP”.
O Bloque pedirá que se remitan todos os contratos despois de que os populares leven “dous anos boicoteando” que saia á luz “toda esa contratación a dedo”.
O plan de traballo que presentarán será “rigoroso e detallado”, polo que piden ao grupo maioritario que o apoie.
O BNG pide ao PPdeG que non obstrúa nin vete comparecencias
Deste xeito, Pontón pediu ao PPdeG que contribúa á transparencia e ao bo funcionamento democrático deste órgano do Parlamento, xa que vetar as comparecencias ou a información sería “unha falta de respecto aos galegos e galegas”, que merecen que se fiscalice “como se están xestionado os recursos públicos no noso país”.
“Sería moi antidemocrático que o seu labor sexa obstruír a investigación e non colaborar”, expuxo Pontón, que cre que sería “unha vergoña” e un “escándalo” que o PPdeG poña vetos na comisión.
Ademais, puxo o foco nas comparecencias de Feijóo e Rueda como máximos mandatarios da Xunta en tanto que “sería toda declaración de culpabilidade que os máximos responsables dos recursos públicos deste país” se escondesen das súas responsabilidades ante o traballo de control do lexislativo.
O PSdeG avanza que pedirá a comparecencia de familiares de Núñez Feijóo
O portavoz da Executiva do PSdeG Julio Torrado, avanzou este venres que, no marco desa comisión de investigación, chamarán a comparecer a familiares do expresidente galego e actual líder do PP Alberto Núñez Feijóo.
En conferencia de prensa, o portavoz socialista deixou caer que as persoas que prevé citar o seu grupo serán a irmá de Núñez Feijóo Micaela Núñez Feijoó e mais a súa prima Eloína Núñez.
Para o PSOE galego é imprescindible que á comisión de investigación acudan o actual xefe do Executivo galego Alfonso Rueda e o expresidente galego, que foi “responsable” do Goberno autonómico durante “moita parte do tempo en que se produciron contratacións opacas”.
O PPdeG avaliará as comparecencias cando se soliciten
No PPdeG, o seu voceiro no Parlamento Alberto Pazos Couñago dixo: "Estamos convencidos de que esta comisión de investigación servirá para poñer de manifesto, unha vez máis, a demagoxia e a mentira constante que dominan o discurso de nacionalistas e socialistas".
Pazos non quixo anticipar cal será a postura do seu grupo sobre as comparecencias de Rueda e Feijóo e dixo: "Cando haxa propostas firmes de traballo faremos unha avaliación e, dende logo, por parte deste grupo temos todo o interese en que se coñeza absolutamente todo o que está relacionado coa construción do Álvaro Cunqueiro e coa contratación".
O voceiro dos populares asegurou: "Hai comparecencias que serían moito máis clarificadoras para os efectos de coñecer cal era o proceder duns e doutros respecto da construción dun hospital en Vigo".
Pazos dixo: "Sinceramente temos moito do que sentirnos orgullosos, e algúns dos que agora están demandando información teñen moito do que avergoñarse".