Montero avanza que o Goberno presentará os orzamentos a principios de outubro
Montero avanza que o Goberno presentará os orzamentos a principios de outubro
O BOE publica a orde que dá inicio aos PXE de 2025, os primeiros coas novas regras fiscais
Segundo o Executivo, os orzamentos xerais do Estado para 2025 darán continuidade á política económica "responsable e coherente" que desenvolveu o Goberno nestes anos
A vicepresidenta primeira e ministra de Facenda, María Jesús Montero, avanzou este xoves que o Goberno presentará o proxecto de orzamentos de 2025 a principios de outubro próximo co obxectivo de que estean aprobados "en tempo e forma".
O Boletín Oficial do Estado publica este xoves a orde do Ministerio de Facenda que dá o "pistoletazo de saída" aos orzamentos xerais do Estado de 2025 e que obriga os ministerios para elaborar as súas respectivas contas ata o día 8 de xullo, tal e como adiantou onte a propia ministra do ramo e vicepresidenta primeira, María Jesús Montero.
Montero subliñou que os futuros presupostos consolidarán o crecemento económico, apoiarán ao tecido produtivo e reforzarán o Estado do benestar.
Antes de presentar as contas, o Goberno ten que "seguir falando con Europa" para definir "como se plasman as regras fiscais", que foron renovadas, un acordo que recollerá o plan que se remitirá a Bruxelas en setembro próximo.
Mentres tanto, en xullo, Facenda convocará ao Consello de Política Fiscal e Financeira (CPFF) e á Comisión Nacional de Administración Local (CNAL), unhas reunións nas que se aprobarán os obxectivos de estabilidade, comunicaranse as entregas a conta para 2025 e trataranse tamén "outras materias" como o sistema de financiamento.
Os obxectivos de estabilidade serán despois aprobados polo Consello de Ministros e levarán ás Cortes,"se o podemos facer a finais de xullo, perfecto, e se non a principios de setembro, porque non ten repercusión no calendario", aclarou Montero.
En base a esta senda de estabilidade e ás previsións de crecemento, o Goberno confeccionará o proxecto de orzamentos que negociará cos grupos, un proceso de negociación ao que Montero acode "con espírito claro de chegar a un acordo" sen que interfiran outras materias políticas.
Preguntada sobre a renovación do Consello Xeral do Poder Xudicial (CGPJ), Montero reiterou o compromiso do Goberno para "impulsar aquilo que teña consenso" e mostrou a súa intención de negociar os nomeamentos pendentes noutros órganos. EFE
A orde ministerial publciada hoxe é a segunda en seis meses, pois en novembro tamén se iniciou ese trámite coa intención de proseguir cos orzamentos de 2024, pero o adianto electoral de Cataluña trastornou os plans do Goberno, que decidiu prorrogar as contas de 2023 ata que se esclarecese o escenario político.
O Goberno explica na orde publicada este xoves que o ciclo orzamentario de 2025 continuará afectado pola complexa contorna xeopolítica, onde os conflitos tanto en Ucraína como en Oriente Próximo "poden supoñer perturbacións nos mercados internacionais, algúns particularmente sensibles como son os enerxéticos".
Segundo o Executivo, os Orzamentos Xerais do Estado para 2025 darán continuidade á política económica "responsable e coherente" que desenvolveu o Goberno nestes anos, "impulsando a prosperidade e a competitividade económica, cunha reindustrialización do país estratéxica e intelixente que xere empregos de calidade, así como a blindaxe e reforzo do Estado do Benestar e a defensa da xustiza social, da cohesión territorial, da igualdade de xénero e da sustentabilidade ambiental".
Facenda subliña ademais nesta orde que ao proceso de elaboración dos PXE de 2025 incorporaranse as conclusións e recomendacións formuladas nos procesos de revisión e avaliación do gasto público ou 'spending reviews' levados a cabo pola Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal (AIReF).
Ao mesmo tempo, os PXE de 2025 incluirán, por primeira vez, un novo enfoque, denominado a "dimensión marrón", no informe de aliñamento coa transición ecolóxica. Esta dimensión incorpórase a outras análises transversais xa existentes como o informe de aliñamento cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da Axenda 2030, de impacto de xénero e do impacto na infancia, a adolescencia e a familia, así como á información orzamentaria sobre a mocidade e sobre as actuacións referentes ao reto demográfico e á loita contra o despoboamento.