O Bono Activa Comercio da Xunta, a piques de esgotar o seu orzamento
O Bono Activa Comercio da Xunta, a piques de esgotar o seu orzamento
O director xeral de Comercio considera "bastante satisfactorio" o resultado desta nova edición
Roupa, calzado e xoguetes e artigos de deporte son os produtos nos que máis se emprega
O Bono Activa Comercio promovido pola Xunta para impulsar as compras no comercio de proximidade está a piques de esgotar o seu orzamento.
Segundo avanzou o director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, nunha entrevista no Galicia por diante fin de semana da Radio Galega, a penas vinte días despois de se poñer en marcha esta nova edición "só quedan dispoñibles 100.000 euros" dos 2,5 millóns de euros que estaban orzamentados e prevé que se esgoten en poucos días.
Segundo explicou Heredia, preto de 12 millóns de euros xa están mobilizados en vendas. Polo que conclúe que o resultado foi "bastante satisfactorio".
"A día de hoxe temos un importe mobilizado en vendas de preto de 12 millóns de euros. Para un orzamento de 2,5 millóns de euros é importante resaltar que soamente quedan dispoñibles cen mil euros, polo tanto o orzamento case se está esgotando".
Segundo explicou o director xeral de Comercio, "o comercio polo miúdo do téxtil" é no que máis se emprega o Bono Comercio ao representar case un 30 % das vendas con 3,5 millóns de euros.
Logo séguelle "o calzado polo miúdo" cun 15 % das vendas e 1,7 millóns de euros e, por último, "xoguetes e artigos de deportes" que supoñen un 11% e 1,3 millóns de euros.
Mediante esta iniciativa dos Bonos Activa Comercio, as persoas consumidoras puideron dende o 15 de maio -e aínda poden ata esgotarse o orzamento- descargar da web www.bonosactivacomercio.gal un bono desconto de 30 euros para compras que realicen nos máis de catro mil comercios adheridos en toda Galicia.
Manuel Heredia lembrou que dous son os principais obxectivos desta iniciativa da Xunta. Por unha banda axudar o comercio de proximidade nunha etapa do ano -xusto antes das rebaixas- nas que as vendas baixan e axudar tamén as familias a paliar os efectos da inflación.