O Breogán derrota o Obradoiro no derbi galego da ACB (64-59)
Os de Mrsic mandaron desde o principio, pero os santiagueses mantivéronse con opcións ata o final
A festa do baloncesto galego no Pazo foi completa para a afección do Breogán. Ambientazo e vitoria do equipo local, e iso que o Obradoiro comezou forte, cun 0-5 de parcial de saída pero atascouse dende a liña. Robertson meteu esa primeira tripla e os santiagueses xa non acadaron máis. Unha de dez no primeiro cuarto.
O Río Breogán repartiu os puntos, os xogadores que saíron dende o banco vían aro con facilidade, e rematou eses primeiros dez minutos cinco arriba, 14-9.
O Obradoiro encomendouse a Zurbriggen para enganchar un parcial de 2-8 e colocarse a un punto mediado o segundo cuarto. Banford, cunha tripla rachouno, e foron entón os lugueses os que meteron sete puntos consecutivos, ata o 27-19, a vantaxe máis ampla do partido ata o momento, que aínda seguiu subindo ata o 32-23, nove arriba Río Breogán, no descanso.
O Obradoiro non mellorou o seu acerto exterior, dous de dezaoito nas triplas.
A cousa mudou no comezo do segundo tempo, cun parcial de 2-10 a prol do Obradoiro, con oito puntos de Zurbiggen, para volver meterse no partido: 34-33.
Co paso polo banco do xogador arxentino, o Río Breogán volveu abrir oco e pechou o cuarto nove arriba, 49-40, que eran once nos derradeiros tres minutos de partido. Un parcial de 0-7 colocou o Obradoiro a catro puntos a 40 segundos do final. Banford fallou a tripla pero Momirov apañou o rebote ofensivo para asegurar a derradeira posesión. Falta sobre Nakic, meteu un tiro libre e o triunfo quedou na casa: 64-59. O Río Breogán soña con volver xogar a Copa.