Davison lanza e Barcello remata no triunfo do Obradoiro
Vitoria santiaguesa diante do Menorca por 83-67

O Obradoiro sumou un novo triunfo na súa pelexa por rematar entre os cinco primeiros a fase regular da Primeira Feb. Gañoulle ao Menorca por 83-67 nun partido brillante de Davison (26 puntos) e un último cuarto espectacular de Barcello.
Ata o descanso a cousa foi moi tranquila. Os dous equipos un pouco fríos no aspecto ofensivo e unha anotación baixa nun encontro equilibrado (31-28). No segundo tempo apareceu Davison con 9 puntos case consecutivos para abrir a primeira fenda (44-36) pero o equipo visitante agarrouse ao encontro e non deixou que o Obradoiro marchase.
Foi no último cuarto cando acabou por rachar o partido o cadro santiagués grazas a Barcello. Anotou tres triplas nun abrir e pechar de ollos que dispararon o seu equipo ata rozar os vinte puntos de vantaxe (73-54). Brodziansky e Balvin achegaron a súa habitual solvencia baixo os aros dun Obradoiro que segue mellorando pero ao que lle queda moito para estaren nos postos de privilexio.