Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Burela remonta en Castro para seguir na cabeza da táboa

O Burela remonta en Castro para seguir na cabeza da táboa

Emily Marcondes liderou o triunfo das da Mariña con dous golazos

G24.gal 18/01/2025 17:30

O derbi lugués da xornada na Liga de fútbol sala feminino marchou cara a Burela. O conxunto da Mariña remontou un gol na pista do Castro para levar unha vitoria que o consolida na terna de aspirantes ao campionato regular.

Adiantouse o Castro aos 10 minutos, logo dun saque de banda que rematou Laura Boix. Pero o Burela reaccionou con dous golazos antes do descanso. Empataba no 14 Emily Marcondes, nunha acción persoal que culminou cun disparo á escuadra. E, so dous minutos despois, a catro do intervalo, unha combinación colectiva era culminada por Dinha no 1 a 2.

A tarde ía de golazos e, nada máis comezar a segunda metade, Emily repetía desde a frontal, con outra xogada persoal que remataba raso ao fondo da portería.

Co 1-3 na contra, o Castro intensificou a súa presión á busca da remontada, e o Burela pasou por momentos de agonía en que non era quen de sacar o balón. Froito desa presión, o Castro tivo a grande ocasión no minuto 33, nun penalti de Noelia Montoro sobre Dany, pero Caridad detivo o lanzamento de Jenny Souza. O equipo local non deixou de meter presión, e atopou o premio a minuto e medio da conclusión. Anita Ontiveros aproveitaba unha mala saída de Camy e acurtaba diferenzas. Pero o Burela defendeu co balón os últimos 90 segundos, para acadar un triunfo que o mantén na pelexa polo liderado, con 46 puntos despois de 17 xornadas. O Castro segue na metade alta, nunha situación cómoda con 21 puntos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade