Cambio de hora: debate sobre os seus efectos na saúde
Cambio de hora: debate sobre os seus efectos na saúde
Os beneficios ou prexuízos de adiantar e atrasar a hora cada ano dividen os expertos
O argumento do aforro enerxético perde peso co paso dos anos
Este sábado ás tres da mañá oficialmente pasarán a ser as dúas. Os partidarios do cambio din que é unha boa maneira de adaptarnos ao ciclo do sol.
"Hai que cambiar a hora porque o camiño do sol, cambia ao longo do ano. Entón hai que facer unha adaptación e a adaptación máis razoable nun mundo moderno coma o que temos é facer un saltiño dunha hora", explica Jorge Mira catedrático de Física Aplicada da Universidade de Santiago.
Os detractores do cambio, pola contra, insisten en que hai que deixar de facelo porque supostas vantaxes económicas do cambio non son tales e hai que ter en conta a repercusión sobre a saúde.
"A Unión Europea recoñece que é mentira o aforro enerxético e o propio Instituto de Diversificación e Aforro de enerxía di que é un impacto marxinal. Pero o que si hai é un impacto sobre a saúde que é o que hai que respectar", di José Luis Casero, presidente de ARHOE-Comisión Nacional para a Racionalización dos Horarios Españois.
"Precisamente non cambiar é malo para a saúde, porque se non cambiamos temos un desfasamento", asegura Jorge Mira.
O Parlamento Europeo deulle a voz aos cidadáns hai un par de anos e a opinión foi maioritariamente favorable a manter un horario fixo. Pero a decisión segue en suspenso porque os representantes dos gobernos son os que teñen a última palabra, e de momento non se puxeron de acordo.