O candidato a lehendakari de Bildu non cualifica a ETA como terrorista e di que foi un "grupo armado"
O candidato a lehendakari de Bildu non cualifica a ETA como terrorista e di que foi un "grupo armado"
O candidato a lehendakari de Bildu non cualifica a ETA como terrorista e di que foi un "grupo armado"
"A cuestión principal é diagnosticar como se superan os conflitos políticos, e avanzamos moito", asegurou Pello Otxandiano nunha entrevista
O candidato de EH Bildu a lehendakari Pello Otxandiano negouse a cualificar a ETA como banda terrorista e sinalou que foi un "grupo armado" que pode ter "diversas consideracións".
Nunha entrevista na Cadena Ser, recollida por Europa Press, sinalou que "afortunadamente" ETA xa non existe e reclamou afrontar o futuro e a memoria de Euskadi "dunha forma máis compartida".
"Pódese discutir sobre as consideracións de que é terrorismo e que non é. A cuestión principal é diagnosticar como se superan os conflitos políticos, e avanzamos moito. A sociedade vasca está noutra fase e ten este debate superado", subliñou o candidato de EH Bildu.
A súa negativa a cualificar a ETA como banda terrorista recibiu resposta dos seus rivais políticos. Eneko Andueza, candidato do PSE-EE a lehendakari, considera o que o político abertzale demostrou ser "un absoluto cobarde".
Tamén se sumou ás críticas o PSOE estatal. Segundo Pilar Alegría, voceira do Goberno, "é un absoluto desprezo polas vítimas, cara á sociedade española, á sociedade vasca e demostra tamén un negacionismo incompatible coa propia historia do país e coa democracia, que foi quen derrotou o terrorismo de ETA".
Os socialistas insisten en que non pactarán con Bildu tras as eleccións en Euskadi. Eneko Andueza asegura que non pode permitir "que esa xente goberne, e que moitísimo menos goberne grazas a nós".
Pero no PP non lle dan ningunha credibilidade á resposta dos socialistas. Segundo Cuca Gamarra, "que Bildu non condena o terrorismo e que Bildu considera que ETA non foi unha banda terrorista non lle sorprende a ningún español".
Para a secretaria xeral do PP, "o que si sorprende a todos, e si que é un acto de cobardía e de baixeza moral, é apoiarte nos seus votos para gobernar e manterte no poder, esa é realmente a cobardía, a daqueles que os branquearon".
Diversas asociacións de vítimas do terrorismo pronunciáronse nas redes en contra das palabras do candidato de Bildu.