O carballo do bosque de Conxo, mellor árbore de España por votación popular
O carballo do bosque de Conxo, mellor árbore de España por votación popular
Superou na votación á Sabina de Blancas de Teruel
Coñecido como "O Avó" en 2022 optará ao título europeo da categoría
Se foron dos que votaron o carballo do bosque do Banquete de Conxo, saiban que o seu xesto tivo recompensa.
A árbore foi elixida como a mellor de España deste 2021. Xa o ano que vén optará ao título europeo.
"O avó", como se coñece este exemplar, ten 30 metros, catro de perímetro e máis de 250 anos de antigüidade. Superou na votación popular á Sabina de Blancas de Teruel. Esta edición logrou a marca de participación nos votos dos cidadáns.
A árbore galega impúxose con 22.974 votos, por riba da sabina de Blancas, situada en Jiloca en Teruel que recibiu 21.523 apoios.
O "Avó" é o carballo máis veterano do histórico bosque do Banquete de Conxo, que chegou ao milleiro de árbores deste tipo dos que na actualidade sobreviven menos de medio cento, debido sobre todo aos danos causados polos incendios forestais, que derivaron nun proceso de substitución por outras especies foráneas, como os eucaliptos.
A árbore está no treito final do Camiño Portugués, e representa un exemplar singular que resistiu máis de 250 anos. Nesta sétima edición do concurso Árbore do Ano en España participaron 11 exemplares. A votación realizouse na Internet na páxina web arboleuropeo.es coa mellor participación da historia xa que entre todos os candidatos lográronse máis de 60.000 votos, case 30.000 máis que a edición anterior.