O Celta está preto de pechar varias operacións, segundo Benítez
O Celta está preto de pechar varias operacións, segundo Benítez
Benítez: "Se facemos o que penso, estarei satisfeito; se non, menos, pero teño confianza no equipo"
O adestrador do Celta, Rafa Benítez, non deu ningunha pista sobre nomes, pero si confirmou que o club traballa en varias operacións que espera pechar antes de que termine o mercado estival:
"Estamos a intentar pechar xestións. Se facemos o que penso, estarei satisfeito; se non, menos, pero teño confianza no equipo", dixo na previa do partido ante o Almería.
Incidiu en que hai máis dunha incorporación en que están a traballar:
"Estamos preto de cousas. Creo que se poden dar. Por que? Porque coñezo as situacións".
Ao preguntarlle polas características do mediocentro que prevén incorporar, non quixo dar ningunha pista:
"Buscamos futbolistas que poidan achegar e mellorar a competitividade dentro do equipo. Podemos traer a un xogador con nome e experiencia se se dan as conversacións en que estamos", avanzou sobre o perfil.
Ademais, tamén recoñeceu que a posibilidade de traer a un lateral zurdo está sobre a mesa e que o estaba independentemente de que Franco Cervi vaia estar fóra varias semanas.
"A lesión de Cervi é un contratempo nunha posición onde cubría un oco. Miramos alternativas", sinalou.
Ristic, lateral do Benfica, podería ser esa opción.