O Celta Fortuna castiga a fráxil moral do Lugo (4-1)
O Celta Fortuna castiga a fráxil moral do Lugo (4-1)
Comezou gañando o equipo de Trashorras, pero o Celta Fortuna, liderado por un dobrete de Raúl Blanco, remontou no segundo tempo
A Claudio Giráldez non lle dan as mans para aplaudir tanta cousa boa do Celta. E iso que o Lugo arrancou mellor en Balaídos. Pechou as vías de chegada do filial e saíu á contra con perigo. Nunha desas, aos cinco minutos, trazou un transición fermosa que acabou cun tiro de Ojeda ao pao e cun dobre remate posterior de Willy Ledesma.
Pasada a media hora, reaccionou o Celta e comezou a inquietar, e nunha destas foi que o porteiro Lucas fallou e deulla a Pablo Durán e o rexeite foi para Alfon, que acadou o empate. Á volta, o Lugo quixo ir arriba e mesmo dispuxo dunha opción clara de Morgado. Puido ser chave, porque a malgastou, e a seguir o filial fixo unha acción de tiraliñas con centro final de Javi Rueda para Raúl Blanco. Gol de Raúl, que entrou nesta segunda parte e foi decisivo.
O que volveu golpear foi o Celta logo doutro erro na saída de balón, dun roubo que acabou cunha acción meteórica que resolveu Pablo Durán. E pouco despois, o cuarto local nunha xogada espectacular de Alfon, con cano incluído e con definición brillante de Raúl Blanco. Definición moi propia da familia Aspas Juncal. Por algo é o curmán de Iago. Así acabou a xornada cunha goleada que reafirma os desexos de ascenso do filial e que complica un pouco máis a situación do Lugo e de Trashorras.