O Celta Fortuna deixa escapar os tres puntos ante o Sabadell (2-1)
O Celta Fortuna deixa escapar os tres puntos ante o Sabadell (2-1)
A pesar de adiantarse no marcador, os cataláns déronlle volta e levaron os 3 puntos
Damián dispuxo dun penalti para o 2-0, pero mandou o balón ao pau
Chegaba o Celta Fortuna buscando unha vitoria para asaltar de novo o liderado. E pronto puxeron a proba a Ortolá. Primeiro tentouno Dani cun cacholazo tímido que resolveu sen problemas o gardameta local. A segunda foi de Alfon. Unha boa carreira do extremo que se plantou diante de Ortolá, quen realizou unha gran parado ao disparo cruzado. Comezou a chegar tamén o Sabadell pero a zaga celeste controlaba sen moitos apuros os ataques. Mentres, Fer López volveu probar a Ortolá tras unha gran xogada individual. Foi no minuto 30 cando o Celta Fortuna conseguiría abrir a lata. Javi Rodríguez provocou un córner. Damián puxo o balón e, o propio Javi, enviouno ao fondo da rede. Impoñía xustiza o Celta Fortuna no marcador. E puido aumentar a vantaxe tras un penalti sobre Alfon. O encargado foi o capitán, Damián pero mandou o balón ao pau. Mazazo para os canteiráns celestes, que viron como o Sabadell comezaba a chegar a área de César, cada vez con máis perigo. Incluso pediron dous penaltis. O primeiro tras unha derruba de Manu Fernández e logo unha man de Joel López cando o balón se dirixía a gol.
A segunda metade volveuse tola. Os de Claudio Giráldez non souberon tranquilizar o partido e iso favoreceu o Sabadell. Comezaban avisando os cataláns con varias chegadas á porta de César. Tamén as tivo o Celta, con dous goles anulados. Primeiro, por fóra de xogo e, logo, por falta de Pablo Durán ao inicio da xogada. Como dicíamos, a tolemia favoreceu o Sabadell. No minuto 65 chegou o primeiro golpe. Xogada por banda de Astals quen serviu un centro entre porteiro e defensa. Alí, na área, recibiu Abde. Con tranquilidade controlou, e púxolla nunha esquina a César, quen quedou inmóbil. No 83', o mazazo definitivo. A festa chegou ao Nova Creu Alta. Outra xogada de Astals que serviu para David Soto. Cun golpeo forte desde a frontal púxoa no pau, rebotou e 2-1. Saltou todo o estadio.
O Celta Fortuna acumula a súa segunda derrota consecutiva. Colócase 3º con 38 puntos, a un da Ponferradina, que xoga en Riazor pola tarde.