O Centro de Produción de Terapias Avanzadas funcionará en probas a comezos do verán
O Centro de Produción de Terapias Avanzadas funcionará en probas a comezos do verán
A comezos de 2024 estará listo para producir terapia celular personalizada para os pacientes galegos
O Sergas, as universidades e os tres centros de investigación sanitaria de Galicia asinaron este martes un convenio para crear a Unidade Cooperativa de Investigación en Terapias Avanzadas. Pretenden con esta colaboración situar a Galicia na carreira internacional da investigación contra o cancro.
Este novo paso súmase ao remate das obras do centro onde se van fabricar estes fármacos de última xeración, un centro que comezará a funcionar en breve. As obras están practicamente listas, e tamén a dotación de infraestruturas.
Queda a certificación deste centro por parte da Axencia Española do Medicamento e a dotación de persoal, de alta cualificación, que xa está en proceso de proba e de exame para que poidan estar xa traballando en probas a comezos do verán.
Os laboratorios de altísima seguridade sanitaria van fabricar medicamentos en base ás células de cada paciente. Son as denominadas terapias moleculares avanzadas, o máis innovador na loita contra o cancro, indefectiblemente ligado ao talento investigador.
"A responsabilidade da Xunta é custodiar todo ese talento, e por iso estamos elaborando un decreto en que se van fixar as mellores condicións para o desenvolvemento en Galicia da carreira investigadora", dixo Francisco Conde, vicepresidente primeiro da Xunta e conselleiro de Industria e Innovación.
Pretenden que ese decreto sexa unha ferramenta para captar investigadores, con estabilidade e boas condicións laborais. Anunciárono no acto en que nace da Unidade de Cooperación en Investigación das Terapias Avanzadas.
Participan nela as tres universidades e os centros de investigación sanitarios e quérese implicar a tamén rede de empresas de i+d. Estará ligado ao centro de produción de terapias.
"Coa idea de que nun futuro poidamos incorporar eses tratamentos á carteira de servizos dos centros, ofrecéndolles aos pacientes galegos a tecnoloxía máis innovadora que temos neste momento", explicou Xulio García Comesaña, conselleiro de Sanidade.
O obxectivo é que os pacientes galegos teñan acceso ás terapias máis innovadoras da loita contra o cancro e cóntase con que se estean producindo aquí esas terapias personalizadas a comezos do ano que vén, de 2024.