Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Oceanográfico da Coruña abre as súas portas polo Día Mundial dos Océanos

O Oceanográfico da Coruña abre as súas portas polo Día Mundial dos Océanos

As súas investigacións conribúen ao coñecemento dos mares e á conservación da súa biodiversidade

G24.gal 08/06/2024 14:36 Última actualización 08/06/2024 15:20

O 8 de xuño é o Día Mundial dos Océanos, unha xornada para concienciar sobre a importancia de protexer un ecosistema que produce o 50 % do osíxeno do noso planeta e absorbe o 30 % do dióxido de carbono. O Centro Oceanográfico da Coruña conmemora esta data abrindo as súas portas e mostrando o seu traballo.

"Queremos que a sociedade coñeza o que é un centro de investigación e en que traballa o Instituto Español de Oceanografía. Que aprenda da ciencia dos mares e que o pase ben", explica Joaquín Valencia, un dos técnicos de investigación.

O Centro Oceanográfico da Coruña leva máis de medio século contribuíndo ao coñecemento dos océanos e á conservación da súa biodiversidade, estudando o medio mariño e os seus recursos.

 Desenvolve un labor de investigación esencial ao que podemos achegarnos nesta xornada de portas abertas que, especialmente para os nenos, é unha oportunidade de mirar de preto, de tocar e de experimentar para comprender en toda a súa dimensión a importancia vital dos mares.

"Sabemos da importancia dos océanos para o clima e para os recursos alimenticios, para as nosas vidas en xeral. A maioría da poboación mundial vive preto da costa e fai uso do mar", comenta a directora do centro, Luz María García.

O Oceanográfico da Coruña é un dos moitos lugares do planeta que conmemora o Día Mundial dos Océanos, este ano baixo o lema "Espertar novas profundidades".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade