O CHUS, referente europeo na operación dos aneurismas de aorta máis complicados
O CHUS, referente europeo na operación dos aneurismas de aorta máis complicados
A cirurxía endovascular con próteses personalizadas, como a que se fai no CHUS, en Santiago, divide por tres o risco de morte
O mundo volve mirar os médicos galegos. Desta vez polo xeito de abordar unha enfermidade tan grave como o aneurisma de aorta. Xunto con outros seis hospitais europeos, o de Santiago foi o centro de referencia internacional para probar unha nova técnica que divide por tres o risco de morte durante a operación.
O aneurisma de aorta é unha enfermidade pouco frecuente que comezou a operarse con esta técnica en Santiago en decembro de 2020. Foi a partir da décima intervención, realizada con éxito este martes pasado nos CHUS, cando o fabricante considera auditada esta tecnoloxía que agora se vai estender a outros hospitais de España e Europa. E con Santiago unha vez máis, como referente internacional.
"Ata agora estaba pechada a dispoñibilidade desta tecnoloxía a sete centros en Europa, e en España só ao Hospital Clínico Universitario de Santiago. A tecnoloxía está destinada a esa parte máis complexa dun tipo de operacións de aneurisma de aorta que é unha enfermidade non moi frecuente, pero moi grave", explicou Nilo Mosquera, xefe do Servizo de Anxioloxía e Cirurxía Vascular do CHUS.
O éxito acadado nas operacións que usan esta tecnoloxía colocan ao CHUS no primeiro nivel de centros internacionais, unha situación en que está Galicia desde hai moito tempo, en concreto na terapia cardiovascular.
"Somos un país que está na primeira liña internacional deste tipo de terapias"
É a última evolución da tecnoloxía endovascular; ferramentas máis perfeccionadas que melloran os resultados e salvan vidas nas circunstancias máis complicadas. Consiste en implantar na aorta unha prótese a medida sen necesidade de realizar cirurxía aberta, cunha técnica similar ao cateterismo cardíaco. Unhas puncións nas arterias permiten chegar onde está a lesión, todo desde dentro, co que se reducen complicacións durante a cirurxía e acúrtase o postoperatorio.