Publicador de contidos
Publicador de contidos

O ciclo do pan: sega tradicional do centeo no museo Casa do Patrón de Doade

O ciclo do pan: sega tradicional do centeo no museo Casa do Patrón de Doade

O vindeiro 19 de agosto será a Festa da Malla 

O día da sega en Doade remata coa confección da meda, en que todos volven colaborar
G24.gal 04/08/2023 20:03 Última actualización 04/08/2023 20:41

Agosto era en tempos o momento da sega. Era o que tiña o campo, non había vacacións. Agora non se fai polo pan pero os traballos recréanse en numerosas vilas galegas, para non perder a memoria de usos, costumes e mesmo léxico asociado aos segadores.

Un ano máis e van 24, veciños de Doade xúntanse para revivir tempos mozos na sega tradicional e vístense como o facían cando aínda eran nenos, como Maximino Míguez, empresario xubilado que leva 20 anos colaborando e lembrando aquí a súa infancia. 

Afían e ármanse de fouces para apañar o centeo desta leira do museo da Casa do Patrón que xa traballaban xeracións atrás das súas familias como arrendatarios. Unha sega que viven coa emoción de honrar a memoria dos antepasados como nos conta Manuel Blanco, xerente do museo Casa do Patrón de Doade. 

"Recuperar, manter e conservar e difundir entre as vindeiras xeracións a cultura e o patrimonio galego, entre o que está o patrimonio inmaterial e os costumes dos antepasados como é a malla, un dos traballos comunitarios máis importantes da Galicia interior durante centos de anos".

Despois de todos estes anos, gábase do interese que mostran as novas xeracións, entre eles, a súa filla e as netas.

Traballo colaborativo como poucos, este ano axudounos a rapazada toda dun Campamento de Voluntariado Internacional. Algúns non viran nunca nada igual.

Unha forma para que a auga escorra e outra para que o aire corra entre os mollos, cun xeito de atar distinto en cada comunidade. Sabedoría ancestral ademais cun léxico propio. Estes segadores atesouran palabras en risco de extinción como mollo, medoucho, bala, meda ou vincallo... localismos, algúns, que se repetirán entre os participantes da vindeira Festa da Malla, o sábado 19 de agosto declarada de Interese Turístico de Galicia. Ese día recrean as cinco modalidades históricas da malla en Galicia, desde a que se facía xa nos castros a pedra.

Amorear os mollos na meda para que sequen as espigas antes da malla remata unha xeira de duro traballo en que, antes e agora, tamén ten momentos de divertimento e descanso. E aínda lles sobran forzas para cantar e bailar.

A Casa do Patrón recibe 15 mil visitas ao ano de interesados en participar en actividades como a sega ou as diferentes fases do ciclo do pan que remata ca cocción deste centeo no forno tradicional. O ciclo da vida reflíctese nunha festa etnográfica e gastronómica que ansía sobrevivir non só nos libros de historia. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade