Alerta por credenciais falsas no camiño que rematan á venda en Internet
Alerta por credenciais falsas no camiño que rematan á venda en Internet
Asociacións do Camiño denuncian estas prácticas que van contra o espírito do Camiño
As credenciais falsas permiten obter a compostela sen percorrer en persoa a ruta
Daniel leva dous anos axudando os peregrinos que pasan por Lalín. Xa lle pasou o ano pasado, pero hai unha semana detectou varios individuos que pretendían selar múltiples credenciais sen xustificar a quen pertencían.
"Decatámonos de que eran peregrinos que viñan no coche ou algo estraño pasaba. Volvemos para abrir e chegou un con quince credenciais, igual que o ano anterior, a ver se llas podiamos selar e foi cando nos decatamos de que esta picaresca non levaba a ningunha parte, ata que un camiñante nos dixo que isto se vía en Wallapop", relata Daniel Antelo da Asociación Peregrinus Dezae, en Lalín.
Dende a asociación teñen comprobado que moitas destas credenciais acaban á venda en Internet ata por trinta euros. Teñen todos os selos necesarios para conseguir a Compostela, pero sen percorrer os cen quilómetros necesarios para obtela de xeito correcto.
"Había algunhas a prezo de quince e de cinco euros. Quero pensar que son souvenirs dunha credencial á que ti lle pos o nome, pero que non sexa para coller unha compostela ou algo así", asegura Daniel Antelo.
Dende a asociación alertan aos puntos de selado do camiño para evitar estas prácticas irregulares, que enturban o espírito da ruta e que van en contra dos verdadeiros peregrinos.
O selo personalizado co que Daniel obsequia os camiñantes íntegros é a rúbrica dunha vivencia persoal e única, na que o comercio non debería ter cabida.