Publicador de contidos
Publicador de contidos

O CinVigo converte o centro da cidade olívica nun laboratorio de ciencia

O CinVigo converte o centro da cidade olívica nun laboratorio de ciencia

A segunda edición da feira leva a ciencia á rúa con experimentos feitos por rapaces da ESO, Bacharelato e FP de toda Galicia

G24.gal 20/04/2024 14:40 Última actualización 20/04/2024 15:30

Vigo celebra a segunda edición do CinVigo, unha feira que leva a ciencia á rúa con experimentos feitos por rapaces da ESO, Bacharelato e FP de toda Galicia. Un laboratorio ao aire libre que pretende trasladar á cidadanía o interese pola ciencia ao tempo que fomentar que os máis novos vivan o proceso da investigación científica en primeira persoa. 

No CinVigo participan 230 estudantes de 25 centros de toda Galicia e está organizado polo CINBIO, que está en Vigo. Así que este festival científico  tamén é importante dar a coñecer a existencia dun centro de investigacións coma este, especializado en nanomateriais e biomedicina.

Un dos postos quere concienciar do incremento do cancro de pulmón co radon que emana do granito. Detrás deste estudo están os gañadores dunha categoría da edición pasada do CinVígo. Para eles para que a ciencia penetre no común dos cidadáns hai que contarlles as cousas ben contadas. 

"Nós o que pretendemos facer é unha performance distinta, con fume, con luces led... hai que facer a ciencia entretida, que á xente lle guste vela. Facer como un espectáculo sen usar tanta palabra técnica para comunicar o mesmo", conta un dos rapaces aprendices de científico,  Anxo Lamela.

Esta mesma filosofía de facer entendible o arduo move os estudantes doutros postos. Propoñen unha neveira eficaz para o transporte de órganos. "A medicina necesita arrefriar moitas cousas, vacinas, antibióticos, e algo tan importante como é o transporte de órganos. Por iso nos centramos en conseguir arrefriar algo que transporte os órganos e que así a xente poida optar a un órgano san", explica a estudante Aroa Álvarez.

Detrás desta feira da ciencia está o CINBIO. Eles saben ben a falta que fai que a ciencia sexa máis valorada pola sociedade

"Temos que conseguir que non só xente como os deportistas de elite sexan valorados senón que tamén a xente da ciencia sexa valorada. É a única maneira de saír adiante", engade Miguel Correa, o director do CINBIO.

Porque como di a frase célebre, a ciencia segue a ser o antídoto contra o veleno do entusiasmo e da  superstición.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade