O circo remonta: grande afluencia de público no Circo Inimitable en Santiago
O circo remonta: grande afluencia de público no Circo Inimitable en Santiago
O espectáculo Extreme, cos Motoristas do Inferno, quere atraer o público adolescente ao circo
Nunca, nin o día de descanso, a familia do Circo Inimitable deixar de ensaiar trucos e habilidades. Débense ao público que desde hai 24 anos, os premia con aplausos e fidelidade. O éxito do seu novo espectáculo, Extreme, estreado en Santiago, levounos a quedar máis días.
Kelly Zavatta, Láser Woman no espectáculo, é a 5ª xeración no Circo Inimitable. Asegura que prorrogaron pola boa acollida e comentarios positivos.
"A xente marcha moi contenta e mesmo con queixas de non haber cuarta semana os que non puideron vir. As vendas están subindo bastante, así que moi contentos"
Renovarse ou morrer foi a máxima deste circo para sobrevivir tras a pandemia. Esquecidos os espectáculos con animais, entre pallasos, equilibrios e malabares, agora as que roxen son as motos. Din que son xiros para atraer un público máis adulto, como os adolescentes, sen esquecer os máis pequenos.
O espectáculo intégrano 25 artistas, tres homes por cada muller, desde os 16 anos ata os 55 e de varias nacionalidades. A maioría procede de familias circenses... pero non todos. Uns e outros comparten o mesmo sentimento: aman o circo e cren que vivilo é o mellor do mundo.
O domingo despídense de Santiago e poñen rumbo a Ordes e A Coruña, co traballo e a casa ao lombo. Unha vida nómada que moitos soñan e eles non cambiarían por nada.