O CIS prognostica un empate entre PSOE e PP en plena negociación para investir a Sánchez
O CIS prognostica un empate entre PSOE e PP en plena negociación para investir a Sánchez
O PSOE vencería co 32,6 % dos votos, 0,9 puntos menos ca no anterior barómetro de setembro, en tanto que o voto estimado para o PP sería do 32,2 %, medio punto máis ca hai un mes
A suba de Sumar e a forte caída de Vox inclinaría a balanza cara ao bloque de esquerdas
O Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) prognostica no seu último barómetro que se se celebrasen hoxe eleccións xerais, PSOE e PP empatarían, cunha lixeira vantaxe de catro décimas para os socialistas, en plena negociación do presidente en funcións, Pedro Sánchez, para sacar adiante a súa investidura.
Segundo esta enquisa, realizada do 2 e ao 6 de outubro cunha mostra de 4.031 persoas, o PSOE vencería co 32,6 % dos votos, 0,9 puntos menos que no anterior barómetro de setembro, en tanto que o voto estimado para o PP sería do 32,2 %, medio punto máis ca hai un mes.
Sumar sería a forza que máis crece, ao gañar 0,8 puntos, que lle permiten consolidarse como terceira formación, co 12,7 % dos votos; mentres que Vox é o partido que máis cae, cun punto menos, que o deixa co 10,1 % dos apoios.
Junts, clave para que Sánchez logre ser investido presidente, perde 0,4 puntos e queda co 1,3 %; mentres que ERC, que adianta a formación do expresidente da Generalitat Carles Puigdemont, sobe 0,2 puntos, ata o 1,9 %.
Pola súa banda, EH Bildu, única formación que ata o momento deu o seu apoio a Sánchez, caería 0,4 puntos, ata o 0,9 % dos votos; e o PNV, cunha décima menos, queda no 0,8 %.
Chama a atención nesta enquisa que un partido extraparlamentario como o PACMA obteña o 1 por cento dos sufraxios, porcentaxe maior que o das formacións nacionalistas.
O BNG mellora unha décima o seu apoio popular ata o 0,8 % e sofren un descenso Coalición Canaria, que pasa do 0,3 % ao 0,1 % e UPN, que cae do 0,2 % ao 0,1 %.
Por bloques, a coalición que goberna (PSOE e Sumar) levaría o 45,3 % dos votos, mentres que se se suman os votos de PP e Vox quedarían por baixo, cun 42,3 %. A subida de Sumar e a forte caída de Vox inclinaría a balanza cara ao bloque de esquerdas.