O comportamento do desemprego normalízase ata situarse a niveis previos á pandemia, por María Cadaval
O comportamento do desemprego normalízase ata situarse a niveis previos á pandemia, por María Cadaval
OPINIÓN
O comportamento do desemprego normalízase ata situarse a niveis previos á pandemia, por María Cadaval
Hai apenas uns días o Indicador Abanca-Foro de conxuntura, que elabora o Foro Económico de Galicia, revelou que a actividade económica en Galicia contén o seu crecemento no mes de novembro. O indicador medrou un 1,6 % en termos interanuais, o cal supuxo un descenso de tres décimas con respecto ao mes de outubro.
Esta é a segunda caída no ano, tras a de maio, malia que os datos adiantados de decembro fan descartar unha recesión. Con todo, albíscase un desenganche do crecemento da economía de Galicia con respecto á media do Estado, ao medrar a menor ritmo, unha vez que se recuperou primeira da caída experimentada no ano 2020.
Os tres factores que explican esta desaceleración están relacionados co seguinte: a fatiga do sector industrial, que se aprecia no mal comportamento da súa cifra de negocios: o Índice de Produción Industrial caeu un vinte por cento interanual no mes de novembro; tamén minora o crecemento o sector turístico e incide negativamente na a confianza dos consumidores, afectada neste caso polas incertezas nos mercados internacionais, a alta inflación e a suba de tipos de xuro.
Este menor ritmo que se aprecia no crecemento reflíctese tamén no dato do paro rexistrado, que sobe en Galicia un 1,99 % no mes de xaneiro, por debaixo da media estatal, no 2,49 %. Este ritmo de incremento da poboación parada rexistrada é moi semellante ao que se producía nos meses de xaneiro dos anos previos á covid-19, entre o 2 % e o 3 %.
En termos absolutos a cifra total de persoas paradas en Galicia é de 145.048, que son 2.826 mais ca no mes de decembro. Malia iso, se ollamos os datos interanuais, o paro caeu en 8.784 persoas con respecto a xaneiro do 2022, unha caída interanual do 5,77 %, un punto inferior á media estatal, onde o desemprego diminuíu nun 6,87 %.
Esta mesma tendencia é a que amosan os datos de afiliación á Seguridade Social. Con respecto aos niveis previos á pandemia, a afiliación á seguridade social é maior en 24.000 persoas a xaneiro de 2020, o cal sitúa o número total de cotizadores un pouco por riba do millón, pero 11.525 persoas menos afiliadas que hai un mes, cando, como é norma, incrementan as contratacións para atender a campaña do Nadal. Un descenso do 1,1 % con respecto a decembro, na mesma liña que a media estatal e tamén no que é habitual nos meses de xaneiro.
O positivo segue a ser o incremento da contratación indefinida, que representa un 57,6 % do total de contratos asinados con respecto ao mesmo mes de 2022.
En definitiva, o ano 2023 comezou ao ralentí, a economía presenta síntomas de esgotamento, que parece que van manterse no primeiro trimestre. Iso si, non parece que Galicia vaia entrar en recesión, ceteris paribus, e a partir da primavera prevese que a actividade, tanto nacional como internacional, comece de novo a retomar o pulso do crecemento.