O Concello de Ourense avanza nos trámites para suspender a ORA desde o 1 de xaneiro
O Concello de Ourense avanza nos trámites para suspender a ORA desde o 1 de xaneiro
Jácome reuniuse cos responsables da concesionaria para comunicarlles a decisión
A concesión leva en precario oito anos e a supresión definitiva require da aprobación por parte do pleno
O alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, reuniuse este xoves con responsables da empresa concesionaria da zona de ordenanza reguladora de aparcadoiro (ORA) para comunicarlles que o servizo quedará suspendido desde o 1 de xaneiro de 2025. Tal como informou o Concello nun comunicado, esta decisión será notificada por escrito á compañía nos próximos días.
"O Goberno municipal avanza así nos trámites que anunciou a inicios desta semana para suspender a ORA na cidade", subliñou o Concello. A concesión do servizo ORA de Ourense acumula varias prórrogas desde o seu vencemento en 2016. Con todo, a súa suspensión definitiva dependerá do que decida o pleno da corporación, onde Democracia Ourensana, partido que sostén o alcalde, non conta con maioría.
Na cidade de Ourense hai unhas 750 prazas de aparcadoiro en zona azul, reguladas pola ORA. O Concello quere pór fin ao pago por aparcar na rúa. Usuarios do servizo e comerciantes das zonas afectadas consideran que a medida pode ser positiva sempre e cando vaia acompañada de alternativas como aparcadoiros disuasorios ou exprés.
É unha das esixencias que impoñen tamén dos grupos da oposición. Reclaman un plan de mobilidade ademais dun estudo económico das consecuencias que pode ter para as arcas municipais e informes técnicos e xurídicos para poder avaliar a supresión do servizo.