Comerciantes da Cubela, na Coruña, piden máis prazas de estacionamento para salvar os seus negocios
Comerciantes da Cubela, na Coruña, piden máis prazas de estacionamento para salvar os seus negocios
Din que a facturación dos seus negocios caeu ata un 40 por cento
Atribúeno á falata de estacionamento e ás obras de humanización
Os comerciantes da Cubela, na Coruña, levan sete meses padecendo as obras de humanización da rúa Puente. Unha reforma necesaria, aseguran, pero que deixa o barrio sen prazas de estacionamento e a eles sen clientes.
Mónica Rial, propietaria dun salón de peiteado na zona, di que os seus clientes quéixanse continuamente de que non se pode estacionar o vehículo nas proximidades do seu negocio.
Din que as obras que se están levando a cabo no barrio e a falta de prazas de aparcamento provocaron unha caída da facturación de entre o 15 e o 40 por cento na meirande parte de negocios da zona.
É o caso da ferretería de Elimar Correia. Están en liquidación por peche. Din que en parte polos sete meses de obras e pola falla de prazas de aparcamento.
Suraya Djekki ten unha tenda a escasos dez metros e está a piques de mudarse a outra zona da cidade onde non haxa estes problemas de aparcamento. Asegura que as vendas caeron entre un 30 e un 40 por cento dende que comezaron as obras de humanización.
Moitos comerciantes resístense a darse por vencidos e están recollendo sinaturas para dotar o barrio de máis prazas de estacionamento.
Suso Cambón leva 30 anos rexentando unha libraría no barrio. Di que unha opción viable sería a creación de prazas de estacionamento rápidas vixiadas.
Dende o Concello da Coruña comprometéronse a estudar a creación de prazas de estacionamento rápido no barrio.