Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Concello de Santiago vai trasladarlle á Xunta a súa proposta de taxa turística

O Concello de Santiago vai trasladarlle á Xunta a súa proposta de taxa turística

Establece unha taxa mínima de 50 céntimos por noite nos establecementos máis baratos e ata 2,5 euros nos máis caros

O imposto, que sería de carácter autonómico, serviría para asumir os sobrecustos da presión turística

Hotel en Santiago de Compostela
G24.gal 30/04/2023 15:00 Última actualización 30/04/2023 18:05

O debate sobre a implantacion dun imposto turístico nas cidades que soportan máis afluencia de visitantes vaise ampliando cada vez a máis cidades.

Esta semana o alcalde de Santiago reuniuse con representantes da hostalería para valorar esta taxa na capital de Galicia despois de encargar un informe técnico sobre a viabilidade do imposto que tería que aprobar o Parlamento de Galicia.

O imposto por pernocta xa se paga nas cidades máis turísticas da Península, como Barcelona, e nas Baleares e en boa parte das capitais de Europa.

A proposta do Concello de Santiago sería cobrar un mínimo de 50 céntimos por noite nos establecementos máis baratos e ata 2 euros e medio nos máis caros. Así o detalla César García Novoa, o catedrático de Dereito Financeiro e Tributario que elaborou o informe técnico. 

"Digamos que para hoteis de 4 e 3 estrelas, que estatisticamente son os máis habituais, estariamos falando dun euro por noite de aloxamento, cun máximo de seis noites. Non se cobraría o imposto máis aló de seis noites de aloxamento. É unha cantidade moi moderada e que estou seguro de que non vai afectar á demanda de servizos turísticos nin á cantidade de visitantes que poden vir a Santiago. Suporía unha importante inxección de fondos económicos para o Concello, que fan moita falla para atender esa afluencia masiva de turistas".

Con este modelo fiscal calcúlase que o Concello de Santiago podería recadar preto de 2 millóns 700.000 euros ao ano. O imposto que sería de carácter autonómico caería nun 90 % nas arcas municipais. 

"Se se crea o imposto pola comunidade autónoma de Galicia é importante que os concellos decidan se queren aplicalo ou non. É máis razoable e respectuoso coa autonomía municipal e naturalmente o Concello que o decida aplicar faise responsable da xestión do imposto e ao mesmo tempo será o destinatario da maioría dos ingresos que se obterían por este imposto". 

Por parte do Concello de Santiago a proposta sería destinar a maioría da recadación ao sobrecusto daqueles servizos que provocan os visitantes, como é o caso do lixo, e a programas de turismo sostible. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade