Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Congreso avala por maioría absoluta o uso do galego, o catalán e o éuscaro

O Congreso avala por maioría absoluta o uso do galego, o catalán e o éuscaro

A reforma do Regulamento do Congreso ábrese á presentación de emendas, que o xoves serán votadas, e de non saíren adiante será xa definitiva a incorporación das linguas oficiais á actividade parlamentaria

Xosé Ramón Gómez Besteiro foi o primeiro en empregar o galego no hemiciclo; nese momento, os deputados de Vox abandonaron a cámara

Retiran os auriculares que os deputados de Vox deixaron no escano de Sánchez ao abandonaren o pleno ( EFE/ Juan Carlos Hidalgo)
G24.gal 19/09/2023 14:56

O Congreso dos Deputados avalou este martes por maioría absoluta o uso das linguas oficiais en toda a actividade parlamentaria.

PSOE, Sumar, ERC, Junts, Bildu, PNV, BNG e CC votaron a favor de que se reforme o regulamento da cámara baixa para que se poida implantar o uso do galego, catalán, e éuscaro nos plenos, nas comisións e en todas as iniciativas, que deberán requirir de traducións.

A pesar da oposición do PP, Vox e UPN, que lamentaron que se tomou en consideración esta iniciativa e criticaron o seu trámite pola vía de urxencia, a reforma foi aprobada por 176 votos a favor, 169 en contra e 2 abstencións.

O encargado de defender a iniciativa por parte do PSOE, Xosé Ramón Gómez Besteiro, deputado por Lugo, converteuse no primeiro en usar nunha intervención no Congreso unha lingua distinta do castelán, e foi alternando no seu discurso galego e español.

"É unha honra que me permite estrear a tradución da miña lingua, que é símbolo da riqueza cultural do país", dixo.

Ese comezo da intervención de Besteiro foi respondido pola deputada de Vox Pepa Millán, e no momento en que a presidenta do Congreso Francina Armengol lle advertiu que non estaba no uso da palabra, os representantes da formación de extrema dereita abandonaron o hemiciclo e deixaron os auriculares para a tradución simultánea no escano baleiro de Pedro Sánchez.

Gómez Besteiro continuou a súa intervención asegurando que a medida non só "é posible desde o punto de vista técnico", senón que tamén supón a "superación dunha certa anomalía histórica".

Tamén empregou o galego a voceria de Sumar Marta Lois, quen recordou as palabras de Castelao tamén no Congreso: "O galego é a lingua do traballador... Separatista será o que non queira que o galego sexa un idioma español"

Marta Lois, que tamén alternou galego e o castelán, cualificou a sesión como un día histórico porque "normaliza no Parlamento o que é normal fóra del", e apostou por seguir dando máis pasos no uso das linguas oficiais, como que estas se ensinen nos colexios de toda España.

Pero sobre todo empregou boa parte do seu tempo en cargar contra o PP e especialmente contra o seu presidente e candidato á investidura Alberto Núñez Feijóo por "mentir" sobre a realidade lingüística de España, onde a utilización dos distintos idiomas —subliñou— "está máis que normalizada.

Nunha intervención integramente en catalán, o portavoz de ERC Gabriel Rufián defendeu que a lingua catalá é un patrimonio común, fronte ás críticas dos contrarios para empregala no hemiciclo, que atribúe a un "patriotismo fráxil e tóxico".

Bildu denunciou que o éuscaro segue sufrindo "ataques" e pedía o seu "recoñecemento real". E o PNV quixo tamén poñer o foco no PSOE por defender o plurilingüismo por necesidade política".

Na quenda de Néstor Rego, polo BNG, quen pechaba as intervencións dos grupos propoñentes, e que realizou integramente en galego, reivindicou o idioma como unha "lingua extensa e útil", que tamén é a "dun pobo traballador".

"Onde queremos ver normalizado o uso do galego é en Galicia", dixo Rego, quen falaba deste pleno como un acto de normalidade democrática e tamén o recoñecemento da realidade plurilingüística do Estado.

O deputado do PP Borja Sémper interveu por momentos en éuscaro, logo de asegurar que o PP falaría en castelán porque non ían facer "o parvo" nin "cousas raras".

O vicesecretario de Cultura e Sociedade Aberta do PP estreouse como deputado no Congreso e tomou a palabra despois de que falasen todos os grupos propoñentes sen que ningún dos deputados do PP, e tampouco o seu líder Alberto Núñez Feijóo, empregasen os aparellos de tradución simultánea para escoitalos.

A Sémper si o entenderon na bancada popular, porque autotraduciu eses fragmentos en que falaba en vasco.

Sémper explicou que coa súa intervención "minimamente bilingüe" quixo reflectir o que xa se podía facer: "falar en calquera lingua de maneira breve e traducíndoo logo".

Argumentou que no Congreso o idioma común é o que "nos permite entendernos sen facer cousas raras como utilizar un auricular" e que "o PP nunca fará o parvo".

O PP denunciou ademais que as linguas oficiais non se escoitaron no hemiciclo para a súa promoción e defensa, senón unicamente como "moeda de cambio político" porque así o negociou o PSOE cos independentistas para o control da Mesa do Congreso e como "complemento" á "investidura" de Pedro Sánchez.

A partir de agora ábrese un prazo de 48 horas para presentar emendas á totalidade e emendas parciais, que moi previsiblemente serán rexeitadas no debate que terá lugar este xoves.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade