Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Congreso debate as emendas á totalidade de PP e Vox á reforma da lei de seguridade cidadá

O Congreso debate as emendas á totalidade de PP e Vox á reforma da lei de seguridade cidadá

Ambos os dous partidos son moi críticos coa reforma da lei que propoñen o PSOE e os seus socios por considerar que busca contentar a EH Bildu e que desprotexe as forzas de seguridade

directo TVG
G24.gal 12/12/2024 08:04 Última actualización 12/12/2024 09:24

O Pleno do Congreso debate este xoves as emendas á totalidade presentadas por PP e Vox á reforma da lei de seguridade cidadá, coñecida como lei mordaza, pactada entre o PSOE e os seus socios parlamentarios nun novo intento para que poida ser aprobada antes de que a actual en vigor cumpra dez anos.

PP e Vox, xunto co deputado de UPN, foron as únicas formacións que votaron en contra da toma en consideración da iniciativa o pasado mes de outubro, cando a reforma botou a andar na Cámara Baixa con 176 votos a favor e 170 en contra.

O PSOE, Sumar e EH Bildu pactaron o texto, que, tras varios intentos frustrados, busca reformar a polémica lei mordaza aprobada polo PP en 2015, e a ese texto sumáronse ERC, PNV e BNG, aínda que este último grupo, Junts e Podemos anunciaron que presentarán emendas durante a súa tramitación.

Este xoves debateranse, con poucas probabilidades de saír adiante, as emendas á totalidade presentadas por PP e Vox, moi críticos coa reforma ao creren que busca contentar a EH Bildu e que desprotexe as forzas de seguridade. "Lei Otegi de inseguridade cidadá", chegouna a denominar o portavoz parlamentario popular Miguel Tellado.

Os populares defenden a literalidade da lei de 2015 e introducen na súa emenda algúns cambios, como considerar infracción moi grave as homenaxes a autores de delitos de terrorismo e castigar as autoridades e funcionarios do concello que os autoricen ou faciliten.

Tamén apostan por que sexa considerada infracción moi grave a ocupación de inmobles ou a permanencia neles contra a vontade do seu propietario e portar, exhibir ou usar armas prohibidas, como as armas brancas, ou utilizalas de modo neglixente ou intimidatorio.

Vox defenderá unha emenda á totalidade con texto alternativo que propón que os estranxeiros en situación de irregularidade administrativa sexan expulsados e busca tamén reforzar a seguridade nas fronteiras de Ceuta e Melilla.

Avoga ademais por endurecer o réxime sancionador para a ocupación ilegal de inmobles ou a difusión de imaxes de axentes, a quen quere garantir o establecemento dunha distancia de seguridade mínima para permitirlles actuar "proactivamente" no uso da forza ante un "acometemento".

A reforma pactada polo PSOE e os seus socios expón a retirada progresiva das pelotas de goma e a súa substitución por medios menos lesivos e terminar coas sancións "inxustificadas ou baseadas en interpretacións subxectivas" nas faltas de respecto á autoridade.

Considerarase infracción leve a negativa para identificarse ante os axentes e "os insultos ou inxurias" a estes no exercicio das súas funcións, cando non constitúan delito, mentres que a desobediencia ou resistencia á autoridade terán que ser manifestas, claras e obxectivables.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade