O Congreso esixe investigar a corrupción tras apoiar aliados do Goberno unha moción do PP
O Congreso esixe investigar a corrupción tras apoiar aliados do Goberno unha moción do PP
O apoio de BNG, PNV e CC serviu para pedir a apertura de novas investigacións e auditorias internas sobre o caso Koldo
O PSOE perde oito votacións no Pleno do Congreso, o seu récord nun día, e xa acumula 48 derrotas
A división dos aliados da investidura de Pedro Sánchez como xefe do Executivo propiciou que o pleno do Congreso aprobase este mércores unha moción do PP para esixir ao Goberno novas investigacións e auditorías internas sobre a presunta trama de corrupción do caso Koldo.
Coa abstención do PNV e de Coalición Canaria e o voto a favor do BNG, o Congreso instou ao Goberno para dar conta do dispositivo policial autorizado por Interior no aeroporto de Baraxas ante a chegada da vicepresidenta venezolana, Delcy Rodríguez, en xaneiro de 2022.
Co voto a favor de PNV, CC e BNG, o pleno reclamou unha auditoría dos contratos dos ministerios de Sanidade ou Interior coa trama e co apoio de Junts, esixiu unha investigación en Interior para esclarecer posibles filtracións de investigacións xudiciais en curso a membros do goberno ou integrantes da trama corrupta.
O PSOE uniu os seus votos ao PP para instar o Goberno a colaborar coa xustiza e defender a xuíces e fiscais e cesar a todos os altos cargos que colaborase activamente cos rede investigada.
Tamén unha iniciativa sobre a nova regulación turística
Non foi a única iniciativa na que os populares lograron o apoio de socios do Goberno, A segunda iniciativa á que se deu luz verde, tamén parcialmente, foi unha petición ao Goberno para prolongar a entrada en vigor do decreto que establece a obrigación para as axencias de viaxes e alquiladoras de turismos de recompilar datos dos turistas, a partir do próximo 2 de decembro.
As inusuais alianzas nas votacións desta xornada levaron tamén a que o PP apoiase unha moción de Junts na que pedía un Corredor Mediterráneo exclusivo de mercadorías, iniciativa aprobada a pesar da abstención dos deputados socialistas.
En total, o PSOE perdeu este mércores oito votacións no Pleno do Congreso, o seu récord nun día, e xa acumula 48 derrotas no primeiro ano de lexislatura.