O congreso ViCON, o maior encontro de ciberseguridade en Galicia
O congreso ViCON, o maior encontro de ciberseguridade en Galicia
Celébrase en Vigo os días 12 e 13 deste mes
Expertos na materia de empresas e institucións comparten coñecementos para atallar a ciberdelincuencia
Os delitos que se cometen a través da Internet estanse convertendo nos máis habituais. Atallalos e blindar os usuarios, as empresas e as institucións ante os ataques cibernérticos é o obxectivo do Congreso sobre Ciberseguridade, que reúne hoxe e mañá en Vigo numerosos expertos internacionais na materia.
"A día de hoxe as organizacións delituosas están moi estruturadas, teñen moitos recursos. E se nós -desde as institucións, empresa privada e Corpos e Forzas de Seguridade do Estado- non nos organizamos e intercambiamos información é complicado loitar contra elas", dixo Belén Pérez, a Presidenta da Asociación ViCON.
Trátase de organizacións transnacionais que dominan a rede escura e que teñen capacidade potencial para atacar o sistema sanitario, as comunicacións. En definitiva, para facer colapsar os sistemas informáticos de empresas ou institucións. Organizarse e compartir coñecemento é o que pretende este Congreso, un dos máis importantes do Estado. Aquí tratan de coñecer as fendas dos sistemas para blindalas aos ataques.
"Coñecemos casos de empresas que entraron en suspensión de pagamentos porque non foron quen de repoñerse dun ciberataque".
No Congreso fálase tamén da protección individual dos usuarios. Din que "persoas seguras en Internet son tamén traballadores seguros". Para iso, as mínimas precaucións pasan por ter moito coidado á hora de facilitar datos persoais, ou bancarios, ou a imaxe do DNI.
"Por suposto, non mandar en ningún caso o DNI a través de plataformas de mensaxes ou correo electrónico. Entendemos que ás veces é imprescindible e nese caso o que recomendamos é envialo cunha marca de auga ou un simple papeliño adhesivo cubrindo a imaxe da fotografía", apuntou Alberto González, o xefe dos equipos contra a ciberdelincuencia da Garda Civil da Coruña
O 86 por cento dos delitos de cibercriminalidade ten que ver con calotes individuais e fraudes.