O conselleiro de Educación di que a Lomloe é unha "mala lei", a lei do "que máis dá"
O conselleiro de Educación di que a Lomloe é unha "mala lei", a lei do "que máis dá"
"Fixemos unha implementación da Lomloe á galega, intentando preservar aqueles elementos básicos que están posibilitando que Galicia sexa líder a nivel de resultados", explica Román Rodríguez
Mañá abre o prazo para matricularse de FP
No día en que remata o curso escolar, Fran López Iglesias entrevistou no 'Bos días' a Román Rodríguez, conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, para falar, entre outros temas, do próximo curso escolar, xa que estamos nun momento de transición entre dúas leis educativos.
O conselleiro de Educación comezou falando dos moitos cambios que houbo que facer no último ano para a implementación da nova lei estatal de Educación, que, segundo Román Rodríguez, "xerou moitos problemas, moitos conflitos, moita improvisación".
Explica o conselleiro de Educación que todo este traballo houbo que realizalo xusto despois dos momentos de tensión que provocou Educación a pandemia.
"Isto vaise reflectir no inicio do curso do ano que vén. Cambiar as regras de xogo ao final do partido ten consecuencias. Imos estar con dúas leis educativas. Cursos impares coa Lomloe e cursos pares coa Lomce".
"Pese ás dificultades, teño confianza de que a gran familia da educación en Galicia sexa capaz de estar a altura e iniciar o curso que vén do mellor xeito posible, para seguir sendo o que somos. Galicia ten un sistema educativo dunha grandísima calidade, que dá oportunidades, que ensina en equidade e hai un grandísimo traballo dos profesionais educativos".
"É unha mala lei e estase aplicando mal", di o conselleiro da Lomloe
Para o conselleiro de Educación, a nova lei aprobada polo Goberno central non vai achegar nada.
"É unha mala lei e estase aplicando mal. É unha lei que tira polo chan a cultura do esforzo. Se a educación é algo, é esforzo, é traballo, é motivación, é ilusión, ganas de aprender, é concienciar aos rapaces de que teñen que traballar e organizarse desde moi novos para ser cidadáns de futuro".
Román Rodríguez insiste en que a Lomloe lanza unha mensaxe moi confusa aos estudantes, a mensaxe de que "da todo igual".
"Unha lei que suprime os exames, as recuperacións, que permite pasar de curso con independencia das notas, de que se aprobe ou que non se aprobe, é a lei que eu xa definín no seu momento como a do 'que máis dá'. Tanto dá aprobar como suspender, tanto dá estudar como non estudar. Creo que lanzamos unha mensaxe moi confuso aos mozos e mozas, de que dá todo igual."
Explica Román Rodríguez que Galicia se fixo "unha implementación á galega, intentando preservar, dentro do marco legal, aqueles elementos básicos que están posibilitando que Galicia sexa líder a nivel de resultados."
"Nós mantemos as notas numéricas. Fixemos criterios para que non se poida aprobar con independencia das materias suspensas. Nos currículos reforzamos a filosofía, a historia, reforzamos os coñecementos matemáticos e stern".
"Creo que esta lei unha mala lei", día o conselleiro de Educación. Explica deseguido que "é unha mala lei desde o primeiro momento, a súa tramitación administrativa e tremendamente politizada"
"As comunidades autónomas temos que intentar corrixir e encamiñar os moitos desvaríos desta lei".
Mañá abre o prazo para matricularse en FP
Nos últimos anos a FP xa non é a cincenta do ensino, así o cre Román Rodríguez. O conselleiro de Educación salienta que en Galicia se levan moitos anos traballando no desenvolvemento da FP, que é unha "rama do sistema educativo para nós fundamental".
"A FP significa confianza das empresas das familias, dos alumnos, é prestixiosa e é útil".
O responsable galego de Educación explica que a FP é útil para os mozos porque posibilita a inserción no mercado laboral pronto, "85 por cento dos alumnos da FP e o 100 % da FP dual", practicamente, explica o conselleiro.
Engade o Conselleiro que é útil tamén porque xera confianza para as empresas e que "todos os anos pasan directamente entre 15.000 e 18.000 rapaces e rapazas ao mundo laboral, profesionais ben formados. E isto engade produtividade aos sectores produtivos".
A FP está cada vez máis recoñecida e hai algúns ciclos que son tremendamente competitivos e que precisan unhas notas de acceso moi altas, explica o Conselleiro: "Fundamentalmente ramas informáticas, sanitarias, hoteleiras. Creo que é positivo. Hai interese por formarse neses ámbitos".
A Consellería de Educación está introducindo ciclos novos de FP practicamente cada ano. Román Rodríguez explica que "van orientados a dar oportunidades aos alumnos" de cara ás novas necesidades do mercado laboral.
Salienta tamén o conselleiro o papel que xogan as empresas na formación dos alumnos de FP.
"Neste momento as empresas participan a dous niveis. As prácticas ordinarias dos estudantes nas empresas, estas son entre 9.000 e 10.000 empresas, depende o ano. Pero onde teñen máis participación as empresas é na FP-Dual. Nesta modalidade, os alumnos están unha parte do tempo na aula, no instituto, e outra parte do tempo están na empresa formándose, con profesores-titores. Estas son unhas 1.000 empresas. Unhas son empresas grandes, das máis importantes de Galicia e outras son microempresas".