Publicador de contidos
Publicador de contidos

A Xunta aproba este luns a matrícula gratis para o novo alumnado universitario

A Xunta aproba este luns a matrícula gratis para o novo alumnado universitario

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP estima un aforro medio de entre 700 e 800 euros por familia

Román Rodríguez apunta que nos vindeiros anos tamén será de balde para estudantes que aproben o curso anterior 

Aprobarase tamén a extensión da medida ás ensinanzas artísticas superiores, como música, deseño ou arte dramática

G24.gal 21/04/2024 12:23 Última actualización 21/04/2024 14:07

O  Consello da Xunta inicia este luns os trámites para modificar o decreto de prezos público co obxectivo de introducir dúas medidas electorais comprometidas polo actual goberno de Alfonso Rueda á fronte da Xunta.

En concreto, a gratuidade das primeiras matrículas de estudos universitarios e ensinanzas artísticas segundo confirmou na Radio Galega o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez.

O conselleiro explicou no Galicia por diante fin de semana que a matrícula será gratuíta "para todos os alumnos que entran na universidade este ano e fan a ABAU -a antiga selectividade- e despois nos cursos seguintes, para aqueles alumnos que aproban o curso". Debido a esta circunstancia, Román Rodríguez admite que é "complexo calcular" cantos beneficiarios e canto orzamento é preciso porque pode haber variacións.

Non obstante si estima un aforro medio de "entre 700-800 euros por alumno, por familia que ao longo de todos os cursos é unha cantidade moi substancial". O conselleiro asegura que é unha "medida que busca a equidade social pero tamén é unha medida que ten que calibrar o esforzo", de aí que se pida, non no primeiro curso senón nos seguintes que se aprobe todo o curso. 

"No Consello da Xunta, imos iniciar a modificación do decreto de prezos públicos onde se van fixar os aspectos básicos. Neste caso a cuestión máis destacada ten que ver coa incorporación das ensinanzas artísticas e isto faise porque son equivalentes ao grao universitario e nos parecía de xustiza".  

De cara a novos retos desta lexislatura no seu departamento, Rodríguez fixo fincapé no Plan de Formación Profesional Galicia 360 para conseguir o abandono escolar cero. Un plan cuxos trámites agardan iniciar "o antes posible" para que a mediados de 2025 poder "ter organizada a implantación do mesmo". 

Nova estrutura da Xunta

O conselleiro de Educación tamén abordou os cambios introducidos por Alfonso Rueda no seu novo mandato á fronte do goberno da Xunta. En concreto, o cambio aos luns da reunión do Consello da Xunta.

Román Rodríguez dixo que "se vai marcar o ritmo político da semana" e "fixar prioridades de traballo, de xestión". Confirmou ademais que no Consello da Xunta deste luns se aprobarán cambios na estrutura pero aínda quedará pendente unha segunda fase con nomeamentos. 

Entrevista completa na Radio Galega
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar