Reunión urxente do Consello de Seguridade da ONU e do G7 para responder a Irán
Reunión urxente do Consello de Seguridade da ONU e do G7 para responder a Irán
A Unión Europea e ducias de Estados condenan a acción militar iraniana
Pedro Sánchez tamén censura o ataque e pide "responsabilidade e contención"
Joe Biden remataba de xeito precipitado o seu descanso da fin de semana, a noite do sábado, e celebraba no Despacho Oval unha xuntanza co seu equipo de Seguridade Nacional. A partir de aí activábase a diplomacia Internacional.
Pouco despois, a Casa Branca emitía un comunicado en que, ademais de expresarlle a Netanyahu un "férreo apoio", sinalaba que este domingo Biden ía convocar unha xuntanza do G7, o grupo das sete democracias máis ricas do mundo, para coordinar unha resposta conxunta ao ataque iraniano.
Este domingo a presidenta de quenda do G7, a italiana Giorgia Meloni, concertaba cita para esta tarde mediante videoconferencia.
En paralelo, o Consello de Seguridade da ONU celebrará tamén esta tarde unha xuntanza extraordinaria seguindo o pedimento de Israel. O representante israelí ante Nacións Unidas pide non só a condena aos ataques, senón tamén que a Garda Revolucionaria de Irán sexa designada como "organización terrorista".
Os chamamentos á calma sucédense. A presidenta da Unión Europea, Ursula von der Leyen, censura a Irán e pídelle a todos os actores que freen a escalada bélica.
Pedro Sánchez, mediante un chío, di que tras unha noite angustiosa o Goberno de España condena o ataque "como condenará sempre todo tipo de violencia" contra civís inocentes.
Ao longo da noite e desta mañá, decenas de países pediron o cesamento das hostilidades, desde A China ata Arabia Saudita, reclamando moderación.