Publicador de contidos
Publicador de contidos

O conservador Mitsotakis gaña as eleccións gregas, pero sen maioría para gobernar

O conservador Mitsotakis gaña as eleccións gregas, pero sen maioría para gobernar

Folgada vitoria de Mitsotakis, con máis do 40 % dos votos

Non chega a maioría absoluta e ten tres días para formar unha coalición

Semella que Grecia se verá abocada a outros comicios

G24.gal 21/05/2023 20:54 Última actualización 22/05/2023 08:36

O primeiro ministro de Grecia e líder da conservadora Nova Democracia (ND) Kyriakos Mitsotakis gañou con folgura as lexislativas celebradas este domingo, deixando moi atrás o seu principal rival, o opositor de esquerdas Syriza, de Alexis Tsipras.

Tras o escrutinio do 87 % dos votos, ND obtén algo máis do 40 % das papeletas e saca máis de 20 puntos de vantaxe a Syriza, que acada o 20 %, segundo informou o ministerio heleno de Interior.

En terceiro lugar atópanse os socialdemócratas de Pasok-Kinal cun 12 %, seguidos polo Partido Comunista de Grecia (7 %) e a ultradereitista Solución Grega (4,5 %).

Cun 2,5 %, o partido esquerdista MERA25, do exministro de Finanzas Yanis Varufakis, quedaría fóra do Parlamento ao non superar o limiar do 3 % requirido para entrar na Cámara de 300 escanos. 

A participación situouse no 56,1 %, porcentaxe case idéntica á das últimas eleccións do ano 2019.

O primeiro ministro grego dixo que tras o forte apoio recibido nas urnas está decidido a gobernar en solitario co seu partido Nova Democracia (ND), o cal apunta a novas eleccións.

"O resultado demostrou que ND ten a aprobación dos cidadáns para gobernar en solitario", sinalou Mitsotakis, e resaltou a necesidade de "acelerar" o procedemento para que o país renove Parlamento e Goberno. 

Nin ND nin todos os partidos da oposición xuntos teñen a porcentaxe do 45 % necesaria para facerse coa maioría absoluta dos escanos parlamentarios, polo que se Mitsotakis desiste de aliarse a outra formación, o país encamíñase de maneira segura a novas eleccións.

Novo sistema proporcional

Estes comicios celebráronse cun novo sistema proporcional, que sitúa ao redor do 45 % a porcentaxe mínima necesaria para facerse coa maioría absoluta no Parlamento.

O ministro de Estado, o conservador Yorgos Yerapetritis, sinalou que os resultados constitúen "unha orde clara" do pobo para que ND goberne en solitario.

Iso augura que a cidadanía probablemente terá que acudir novamente ás urnas, previsiblemente en xullo, cando o partido máis votado obtería un premio de ata 50 escanos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade