Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Coruxo merece máis no Helmántico, pero acaba goleado (3-0)

O Coruxo merece máis no Helmántico, pero acaba goleado (3-0)

Os de David de Dios tiveron as mellores ocasións e mesmo estragaron un penalti co 1-0

Nos últimos minutos o Salamanca redondeou o resultado á contra

Foto: @SalamancaCFUDS
G24.gal 09/02/2025 20:33

O Coruxo mereceu moito máis no Helmántico, nun partido en que tivo máis ocasións, pero a falta de pegada e o acerto do Salamanca acabaron decidindo un resultado esaxerado para os méritos dos dous.

A primeira grande ocasión foi unha cabezada de Hugo Rodri fóra, nunha gran posición para marcar. Pero foi o Salamanca o que abriu o marcador pouco despois, nun balón longo que Galván converteu en gol. Ían 16 minutos. Non se descentrou o equipo vigués, que tivo as outras dúas boas ocasións do primeiro período polas bandas: unha internada de Terranova cun remate ao lateral da rede e un remate desde a esquerda de Álex Pérez que acabou en córner. 

No inicio da segunda metade, os locais achegáronse aos dominios de Esteban, pero o porteiro impediu o empate. E, aos once minutos chegou a grande ocasión galega, cunha internada de Johan Terranova desde a dereita que rematou en penalti. David Añon topou con Villanueva, que lle detivo o lanzamento.

Aínda gozou doutro par de ocasións o Coruxo, pero Álex Pérez e Fer Martínez tampouco puideron marcar. Co Coruxo debruzado sobre a meta local, o Salamanca matou o partido. Primeiro marcou Jesús Ares no 89, culminando unha contra. Despois, no 92, era Cristeto o que facía o 3-0 definitivo. Un castigo excesivo para un Coruxo que non dá fuxido da zona perigosa.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade