Publicador de contidos
Publicador de contidos

O cumio da OTAN en Vilna quere mandar "unha mensaxe positiva" a Ucraína sobre a súa adhesión

G24.gal 11/07/2023 15:10

Un ano despois do cumio de Madrid, os líderes dos 31 países membros da OTAN reúnense hoxe e mañá en Vilna con asuntos decisivos na axenda. O principal, o futuro de Ucraína na Alianza. Os aliados queren darlle esperanzas a Kíiv sen xerar falsas expectativas, porque cren que a adhesión non será posible mentres a guerra continúe.

Os 31 debaten contra o reloxo a declaración que plasme este delicado equilibro. 

"A mensaxe vai ser positiva, forte e unida dende os aliados da OTAN. Isto é sobre o paso adiante para a membresía, pero tamén sobre a tarefa inminente, que é o apoio militar", apunta o secretario xeral da Alianza.

O propio Zelenski insistirá na importancia de fixar data para a adhesión, porque por primeira vez asistirá en persoa a un cumio da OTAN. Dará un discurso, acudirá á cea oficial e manterá unha reunión con Biden, que quere contentar a Ucraína cun mecanismo de seguridade que garanta o apoio militar ao país ata a súa adhesión.

Alemaña anuncia un novo paquete de axudas a Kíiv, Francia entregaralle mísiles de longo alcance e Pedro Sánchez anuncia que España vai reforzar o flanco leste da Alianza. "Unha despregadura de forzas e soldados españois en Eslovaquia para reforzar a fronte oriental, e tamén reforzar con máis efectivos o noso continxente en Romanía", explicou o presidente do Goberno.

O cumio de Lituania celébrase á sombra da próxima Rusia, sinalada como a ameaza directa que condiciona outro dos puntos do encontro, o gasto en defensa. O secretario xeral da OTAN quere que o dous por cento do PIB sexa un mínimo para os 31 membros, que serán 32 con Suecia tras o desbloqueo do veto de Turquía.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade