Zelenski pide non levantar sancións a Rusia ata que acabe a guerra e Scholz di que facelo sería "un grave erro"
Zelenski pide non levantar sancións a Rusia ata que acabe a guerra e Scholz di que facelo sería "un grave erro"
O cumio de París busca este xoves consolidar o apoio a Ucraína na paz a longo prazo
Líderes de 31 países reúnense epara discutir como seguir axudando a Ucraína na guerra pero tamén para apoiar o país a longo prazo, incluído un hipotético acordo de paz

O presidente de Ucraína, Volodimir Zelenski, pediu este xoves "non levantar ningunha sanción a Rusia ata que remate a guerra", ao termo dunha reunión en París cos líderes de máis de 30 países que apoian a ex república soviética.
Zelenski compareceu ante a prensa xunto co primeiro ministro británico e co-anfitrión do encontro, Keir Starmer, quen reiterou o apoio ao líder ucraíno daqueles gobernos que son membros da denominada 'Coalición do Voluntarios'.
O líder de Ucraína instou a desconfiar das intencións de Rusia nas negociacións, afirmando que "non quere ningún tipo de paz".
Nesta liña, o chanceler alemán en funcións, Olaf Scholz, afirmou este xoves que a retirada das sancións a Rusia antes de alcanzar a paz en Ucraína sería un grave erro.
"Abandonar as sancións sería un grave erro", dixo Scholz nunha breve reunión coa prensa en París, onde engadiu que "non ten sentido rematar coas sancións ata que se consiga a paz", o que aínda non se produciu.
Líderes de 31 países
Líderes de 31 países reúnense este xoves en París para discutir como seguir axudando a Ucraína na guerra pero tamén a longo prazo, incluído un hipotético acordo de paz.
Convocados polo presidente francés Emmanuel Macron, no Elíseo participan dirixentes de 27 países europeos, entre eles os xefes de Goberno de Alemaña, Reino Unido e España, os máximos responsables da OTAN e a UE e o vicepresidente de Turquía e mais representantes do Canadá e Australia.
A denominada Reunión sobre a paz e a seguridade para Ucraína comeza ás 10:00 hora local (09:00 GMT) e está previsto que se estenda durante algo máis de catro horas, ao final das cales Macron ofrecerá unha conferencia de prensa para explicar os resultados da cita.
A cita ten catro obxectivos fundamentais, segundo avanzou Macron a pasada noite, nunhas comparecencia xunto co presidente ucraíno Volodimir Zelenski, que tamén participará e co que preparou a reunión.

En momentos en que Rusia desatende por agora a proposta dos EUA e Ucraína para un cesamento do fogo de 30 días, o primeiro obxectivo é continuar a axuda militar inmediata a Ucraína para que ese país poida continuar defendéndose.
Neste punto, Macron anunciou un novo paquete de axuda militar francesa a Ucraína por valor de 2.000 millóns de euros.
Ademais, o encontro tratará como alcanzar un cesamento do fogo sólido e duradeiro e como continuar a axuda a Ucraína a longo prazo para que o seu exército sexa capaz de disuadir contra unha nova agresión e de resistir un novo ataque ruso, indicou Macron.
O cuarto punto de discusión será o envío dunha forza militar internacional, unha idea francobritánica sobre a que Macron recalcou que non se situaría na liña da fronte, senón nun segundo chanzo para disuadir a Rusia.
"O obxectivo é permitir a Ucraína manter a situación sobre o terreo e resistir á agresión rusa, pero tamén construír os elementos cribles para a paz que queremos, sexa cal for o resultado das discusións", resumiu Macron.
O presidente francés recalcou que se entrou nunha fase decisiva para lograr poñer fin á guerra e urxiu a Rusia a que acepte sen condicións previas o cesamento do fogo de 30 días proposto polos EUA e Ucraína.
Tanto Macron como Zelenski consideraron ademais que é demasiado pronto para comezar a dar marcha atrás nas sancións económicas internacionais a Rusia, xa que primeiro fai falta alcanzar un acordo de paz.
A cita de París chega despois de que entre os países europeos e outras nacións occidentais considerasen que teñen que dar un paso á fronte ante a percepción da desconexión da Administración Trump respecto ao apoio tradicional de Washington a Ucraína.
Zelenski, nunha entrevista na televisión francesa o mércores á noite, considerou que o enviado presidencial estadounidense Steve Witkoff acepta demasiado a miúdo a narrativa do Kremlin, algo que vai debilitar a presión sobre Rusia.