O CXPX pídelle ao Senado máis tempo para presentar o informe da lei de amnistía
O CXPX pídelle ao Senado máis tempo para presentar o informe da lei de amnistía
A comisión permanente do órgano de goberno dos xuíces solicitou unha prórroga de 15 días, a contar dende o vindeiro mércores, día 14
O Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) pediulle ao Senado máis tempo para elaborar o informe que lle encargou sobre a proposición de lei de amnistía. A comisión permanente do órgano de goberno dos xuíces solicitou unha prórroga de 15 días, a contar dende o vindeiro mércores, día 14, para entregar o documento.
Un informe que elaborarán os vogais Wenceslao Olea, do sector conservador, e Mar Cabrejas, do progresista, segundo informou o CXPX.
O Consello Xeral do Poder Xudicial non tiña que analizar o texto por non ser un proxecto de lei deseñado polo Goberno, senón unha proposición rexistrada no Congreso polo Grupo Socialista, pero a Mesa do Senado, onde o PP ten maioría, decidiu pedir informe ao órgano de goberno dos xuíces e tamén ao Consello Fiscal.
Hai un par de semanas, o fiscal xeral do Estado, Álvaro García Ortiz, comunicoulle ao presidente do Senado, Pedro Rollán, que o Consello Fiscal carece de competencias para emitir informes sobre proposicións de lei en tramitación, como a de amnistía, e facelo supoñería alterar o funcionamento da institución e "invadir espazos e competencias propias da estrutura organizativa da Fiscalía".