Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Día das Letras celebra a voz poética e musical de Luísa Villalta

O Día das Letras celebra a voz poética e musical de Luísa Villalta

A autora coruñesa (1957-2004) foi unha das voces poéticas máis destacadas da Galicia de finais de século, e tamén escribiu teatro, narrativa e ensaio

Podes seguir en directo en g24.gal o acto institucional da Xunta de Galicia (11:00 horas) e a sesión solemne da Real Academia Galega (12:30 horas) previstos para hoxe no Teatro Rosalía de Castro da Coruña

Luísa Villalta pintando versos (Arquivo de Blanca Silva vía RAG)
G24.gal 16/05/2024 21:30 Última actualización 17/05/2024 09:22

Este 17 de maio de 2024 o Día das Letras homenaxea a Luísa Villalta, vinte anos despois do seu pasamento, aos 46 anos, a causa dunha meninxite.

Segundo o presidente da Real Academia Galega (RAG), Víctor F. Freixanes, a celebración “honrará tamén a xeración de autores e autoras que comezan a expresarse na década dos anos 90 do pasado século e nos primeiros anos do século actual. Unha xeración nova, ilusionada, entusiasta, aberta ao mundo. Unha xeración sen complexos que xorde coa ambición de construír unha nova realidade, un novo tempo. Luísa representa ese impulso creativo, unha curiosidade intelectual e artística que a leva a ensaiar diversas formas de expresión, diferentes xéneros, nos que salienta moi especialmente (aínda que non exclusivamente) a poesía. Neste caso, encarna moi ben a xeración poética da transición entre séculos na que, por certo, tiveron especial protagonismo as mulleres”.

A autora coruñesa (15 de xullo de 1957-6 de marzo de 2004) foi unha das voces poéticas máis destacadas da Galicia de finais de século, e tamén unha escritora prolífica en teatro, narrativa e ensaio. Licenciada en Filoloxía Hispánica e en Galego-Portugués pola Universidade de Santiago de Compostela, foi tamén música graduada en violín polo Conservatorio da Coruña. Esa paixón levouna ao grupo Escaino, que fusionaba jazz con ecos de música tradicional, e tamén á Orquestra de Santiago e á Xove Orquestra de Galicia.

Aparcou profesionalmente a música en favor da escritura e da docencia como profesora de ensino secundario, pero deixou unha pegada indeleble na súa obra literaria e ensaística. “Luísa Villalta escribe e compón, constrúe unha arquitectura verbal, sonora, conceptual”, explica a súa biógrafa, a poeta e xornalista Ana Romaní.

Nada na Coruña, a presenza da cidade herculina será constante nos seus libros, especialmente a urbe das clases populares que podemos apreciar no poemario En concreto (Espiral Maior, 2004), onde chega a se fusionar coa propia poeta.

A cidade marxinal aboia en O Papagaio (Laiovento, 2006), o libro publicado xunto á fotógrafa Maribel Longueira en que retratan o barrio da prostitución. A obra remarca o compromiso social da escritora, que nunca eludiu o posicionamento sobre os temas que lle preocupaban e dos que deixa constancia nas columnas de opinión publicadas en medios como A Nosa Terra, A Trabe de Ouro, Festa da palabra silenciada ou Grial. Entre a súa obra narrativa están os volumes Siléncio, ensaiamos (Vía Láctea, 1991) ou Teoría de Xogos (Laiovento, 1997).

Retrato de Luísa Villalta (Arquivo familiar de Luísa Villalta vía RAG) Retrato de Luísa Villalta (Arquivo familiar de Luísa Villalta vía RAG)

Tamén abordou o ensaio, con títulos como O outro lado da música, a poesía (A Nosa Terra, 1999), O Don Hamlet de Cunqueiro (Laiovento, 1992) e A música e nós (Revista Enclave, 9, 2002). 

Villalta escribiu ademais pezas teatrais, entre as que figuran o Concerto para un home só (Cadernos da Escola Dramática Galega, 1989), O Representante (CEDG, 1990) ou As certezas de Ofelia (Casahamlet, 1999).

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar