Publicador de contidos
Publicador de contidos

O debate sobre o control das armas nos EUA rexorde despois de cada matanza

O debate sobre o control das armas nos EUA rexorde despois de cada matanza

Joe Biden visita este domingo as familias das vítimas

Fin de semana de loito e vixilia en Uvalde

Vixilia en Uvalde polos 19 cativos e as dúas mestras asasinadas
G24.gal 29/05/2022 14:15 Última actualización 29/05/2022 14:54

O presidente dos Estados Unidos, Joe Biden, viaxa este domingo a Uvalde, no estado de Texas, para expresarlles as súas condolencias ás familias dos 19 nenos e das dúas mestras asasinadas no masacre do martes na escola da localidade.

A vixilia en recordo das vítimas do tiroteo continuou esta fin de semana entre rezos e homenaxes aos cativos asasinados que deberan estar celebrando o remate do curso.

Entre os pequenos superviventes repítense os relatos da matanza e entre as familias a esixencia dun control das armas que impida que isto se repita.

"¿Quen non querería ver un mandato máis estrito con respecto á violencia armada, que non permita que alguén compre armas, incluso un neno? Máis verificacións de antecedentes", reclamaban.

A partir dos 18 anos calquera pode mercar unha escopeta ou un rifle nos Estados Unidos. Véndense nas feiras, sen revisar os antecedentes criminais do comprador nin esixir certificados de saúde mental.

A vicepresidenta Kamala Harris, que este sábado asistiu a outro funeral de dez vítimas dun tiroteo en Búfalo, reclamou medidas de control.

"Xa sabedes como se deseña unha arma de asalto. Foi deseñada para un propósito específico: matar moitos seres humanos rapidamente. (...). Unha arma de asalto é unha arma de guerra, sen lugar nunha sociedade civil.", dixo.

O debate sobre o control das armas rexorde despois de cada matanza pero o poderoso grupo de presión da Asociación Nacional do Rifle con millóns de simpatizantes non alterou a súa axenda desta fin de semana no estado onde se produciu a matanza.

Alí celebrou a súa reunión anual, coa presenza de Donald Trump, para seguir defendendo a segunda emenda da súa constitución, a que garante o dereito dos cidadáns a teren armas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade