Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Defensor do Paciente aconséllalles ás mulleres non abortar en clínicas privadas

O Defensor do Paciente aconséllalles ás mulleres non abortar en clínicas privadas

Enviou unha carta ao presidente da Xunta e ao conselleiro de Sanidade para mostrar o seu rexeitamento á derivación de pacientes

Sanidade defende a licitación recomendada por Contas non vai facer aumentar os abortos na privada: "A muller ten a última palabra"

G24.gal 30/08/2023 11:59 Última actualización 30/08/2023 16:26

O Defensor do Paciente criticou este mércores a licitación dun contrato, por parte da Xunta, para que clínicas privadas asuman derivacións do Servizo Galego de Saúde para realizar intervencións cirúrxicas de interrupcións voluntarias de embarazo e aconsella as mulleres que necesiten abortar que non vaian a un centro privado.

O Defensor do Paciente insiste en que fai esta recomendación en defensa do dereito ao aborto das mulleres, pero tamén pola súa seguridade.

Ademais, tamén remite unha misiva ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e ao conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, para mostrar o seu rexeitamento á decisión de derivar este tipo de intervencións, debido a que pon en “situación de perigo as mulleres que desexan abortar polas circunstancias que sexan”.

O Defensor da Paciente alerta sobre a proposta da Xunta xa que afecta a un dereito das mulleres que non é un “capricho”. Por iso, censura que os abortos se deriven á sanidade privada onde este tipo de intervencións “non só son moito máis caras, senón que tampouco son tan seguras”.

Por tanto, advirten de que no caso de que algunha muller “sufra algunha incidencia” a responsabilidade será dos xestores sanitarios da Xunta de Galicia “e obviamente pediránselle responsabilidades”.

Sanidade lembra que o contrato para externalizar abortos é recomendación de Contas

A Consellería de Sanidade sostén que a licitación que blinda a derivación de abortos obedece a “unha recomendación do Consello de Contas”. Con esta tramitación afórranse trámites xa que unha soa interrupción que se faga fora do Sergas ten que ser licitada.

A pesar desta licitación asinada pola Xunta a pasada semana por un valor estimado de case 1,4 millóns de euros, a consellería insiste que para a atención e prestación de servizos ao paciente “non cambia nada”.

“Segue sendo a muller a que ten a última palabra” sobre o tipo de centro no que quere realizar a interrupción do seu embarazo.

Así as cousas, lembra que a porcentaxe de abortos que se realizan na sanidade privada en Galicia é menos da metade da media de España debido a que a nivel estatal a media de intervencións en clínicas privadas ascende ao 78 % mentres en Galicia sitúase no 30 %.

Deste xeito, Sanidade reitera que a licitación non altera a forma de prestar o servizo no Sergas e que “de ningunha maneira a licitación supoñerá incrementar os abortos na privada”. 

Doutra banda, salienta, ante as críticas de sindicatos e partidos políticos, que o rexistro de obxectores para a realización de abortos, “está pendente de regularse polo Ministerio de Sanidade”.

“O sindicato CIG, e o sindicato nacional de CCOO no canto de apuntar a Galicia equivocadamente, como responsable debe dirixir as súas críticas ao Ministerio de Sanidade polo atraso nesta importante regulación”, reiteran desde o departamento galego de Sanidade.

Iinciden en que os profesionais sanitarios do sistema galego de saúde non obxectores están a practicar con total normalidade as interrupcións de embarazo, polo que un cento por cento de abortos “está a facerse en Galicia sen necesidade de ter que ir fóra da comunidade autónoma”.

Así mesmo, desde a Consellería aseguran que o Sergas está a desenvolver plans organizativos para seguir incrementando o número de intervencións deste tipo que se realizan na sanidade pública. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade